Friday 22 de November de 2024

Trenor anuncia un investimento de case 15.000 euros no Castro de Baroña para recuperar e seguir poñendo en valor este xacemento arqueolóxico


— Os traballos, que se van a iniciar en breve, consistirán na escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área estimada duns 80 m2 sita no sector sur do segundo recinto

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitaron a zona na que se van a levar a cabo as escavacións no Castro de Baroña e que contan cun apoio da Xunta de case 15.000 euros. O obxecto da contratación é a realización de traballos de escavación, consolidación e acondicionamento dun pequeno sector situado ao sur do segundo recinto do castro coa finalidade de favorecer a súa documentación, conservación e posta en valor.

O delegado da Xunta explicou que os traballos, que se van a iniciar en breve, consistirán na excavación con metodoloxía arqueolóxica, dunha área estimada duns 80 m2 sita no sector sur do segundo recinto do xacemento, traballos de consolidación e restauración das estruturas arqueolóxicas escavadas seguindo os criterios de reversibilidade e mínima intervención. Levarase a cabo tamén o rexistro fotográfico e planimétrico da actuación arqueolóxica, incluído a realización de fotografía/vídeo aéreo con tomas xerais do xacemento e de detalle da área de actuación e realización tamén dunha ortofotografía xeorreferenciada.

A actuación contempla ademáis a colocación de 7 bases topográficas permanentes, mediante a instalación de cravos topográficos que sirvan de referencia espacial para posteriores traballos de escavación e xeolocalización das estruturas e materiais arqueolóxicas e a reposición e actualización de antigos paneis informativos sobre o castro de Baroña existentes no centro de información sito no lugar.

Cando rematen os traballos, subliñou Trenor, “está prevista a realización dunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico, unha vez rematada a actuación, para dar a coñecer á comunidade local e a todo aquel que se queira acercar a actuación realizada e os valores propios do sitio e redacción dunha memoria técnica da intervención”.

O representante da Xunta explicou que este castro trátase dun asentamento fortificado da Idade do Ferro que se asenta sobre un promontorio costeiro e que uns dos xacementos arqueolóxicos máis coñecidos e visitados de Galicia, sendo considerado unhas das iconas do patrimonio cultural galego. O xacemento configúrase aproveitando a morfoloxía rochosa e abrupta da península. Consta de 4 recintos, dispostos a distintas alturas e delimitados por potentes defensas e que conserva numerosas estruturas habitacionais no seu interior.

Neste xacemento realizáronse numerosas campañas de escavación e consolidación desde os anos vinte do século XX dirixidas sucesivamente por Sebastián González, José María Luengo, Francisco Calo Lourido, así como Ángel Concheiro e Luis Francisco López.

O castro de Baroña está declarado ben de interese cultural (BIC), coa categoría de zona arqueolóxica, polo Decreto 190/2011, do 22 de setembro (DOG núm. 194, do 10.10.2011).