Saturday 16 de November de 2024

O Concello destina 71.000 euros á construción dunha senda peonil na pista de Lingunde


· Esta actuación está financiada a través do Plan Único 2022 da Deputación da Coruña.

· Ademais da senda, que se desenvolverá na marxe esquerda da vía, mellorarase o pavimento da calzada, instalarase a canalización de pluviais e pintaranse tres pasos de peóns.

O Concello de Camariñas destinará 71.662,79 euros para a construción dunha senda peonil para mellorar a seguridade nun tramo da pista de Lingunde que dá servizo aos veciños e veciñas da zona habitualmente e que no verán é moi utilizada ao estar ao carón da praia.

O proxecto está financiado a través do Plan Único 2022 da Deputación da Coruña, que foi aprobado en pleno o pasado venres, 28 de xaneiro, e contempla a execución dunha senda peonil na marxe esquerda da mencionada vía.

Ademais, os traballos inclúen a pavimentación do tramo da calzada destinada á circulación de vehículos, a instalación da canalización para a recollida e evacuación das augas pluviais e o pintado de tres pasos de peóns.