O auditorio acolle a proxección da cinta ‘En el umbral’, da directora brasileira Coraci Ruiz, premiada en Italia e América do Sur
O auditorio do Centro Sociocultural Ágora acolle este martes, 1 de febreiro, unha nova sesión do ciclo ‘Documental do mes’, que nesta ocasión aborda as cuestións de xénero desde a perspectiva autobiográfica da documentalista brasileira Coraci Ruiz, directora da peza ‘En el umbral’ (2020).
A proxección, dunha hora e 17 minutos de duración e que comezará ás 20.00 horas, afonda na vida de Ruiz a tamén na do seu fillo adolescentes, Noah, seguindo a transición de xénero deste último. Entre os anos 2016 e 2019, Ruiz entrevistouno abordando os conflitos, certezas e incertezas que impregnaron a súa profunda busca de identidade. Ao mesmo tempo, esta análise levou a que Ruiz tamén vivise unha transformación persoal, enfrontándose aos seus medos e desmontando os seus propios prexuízos.
Ademais, o relato xira arredor de aspectos sociais como a política, o matrimonio e as relacións entre pais, nais e fillos.
‘En el umbral’ conseguiu o premio ao mellor documental no Festival Turin Lovers LGBTQI FF, en Italia; así como o premio á mellor dirección no Festival Mix Brazil e os premios á mellor dirección, mellor guión, mellor fotografía e mellor deseño de son no Festival Rainbow Brazil, todos eles en 2020.
As entradas para asistir ao espectáculo están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de luns a venres, en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, coa excepción dos festivos), cun prezo de 2,50 euros para o público xeral e de 2 euros para as e os usuarios que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean en situación de desemprego. Os pases tamén poderán adquirirse mañá, o día da proxección, nos despachos de billetes do Centro Sociocultural Ágora desde unha hora antes do inicio da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.
O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, seráobrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.
Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.