Saturday 23 de November de 2024

O Concello acometerá melloras na accesibilidade na contorna do Paseo das Pontes, a praza de San Pablo e O Castrillón


As intervencións, que contemplan a eliminación de barreiras arquitectónicas e instalación de arboredo e mobiliario urbano, teñen un orzamento de 190.000 euros

O Concello da Coruña avanza na adaptación da cidade a persoas con mobilidade reducida, cun plan aprobado especificamente para a eliminación de barreiras arquitectónicas no espazo público.

Cun orzamento previsto de 190.000 euros e un prazo de execución estimado de cinco meses a partir da contratación das obras, o proxecto contempla tres intervencións en outros tantos puntos da cidade: a primeira, a nova parada de autobús situada na esquina entre a avenida de Fisterra e o Paseo das Pontes, que substitúe á que actualmente está localizada na avenida de Fisterra, 84; a segunda, un novo paso de peóns elevado na rúa Maxistrado Manuel Artime, nas proximidades da praza de San Pablo; e, por último, un segundo paso de peóns elevado na avenida da Concordia, na contorna do CEIP Juan Fernández Latorre no barrio do Castrillón, dando continuidade aos traballos levados a cabo no vixente mandato de Inés Rey preto dos centros educativos da cidade para mellorar a seguridade vial.

Estas melloras, que respostan a peticións veciñais, buscan mellorar as condicións de accesibilidade en distintas localizacións da cidade onde os itinerarios peonís amosan carencias. A primeira das intervencións propostas, na confluencia da avenida de Fisterra e o Paseo das Pontes, completarase coa a plantación de arboredo e instalación de novo mobiliario urbano.