Thursday 21 de November de 2024

O parque infantil da Lombiña está dispoñible para uso e desfrute da veciñanza


Nesta tarde efectuouse no municipio pobrense a inauguración do parque infantil da Lombiña tralo proceso de rehabilitación ao que foi sometido nos últimos meses, o cal foi detallado polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra); e a deputada provincial, Sandra González. O acto de reapertura tamén contou coa asistencia de veciñanza e membros da corporación municipal. Ademais, dispuxéronse na contorna actividades infantís, pintacaras e chocolatada.

Adscrito aos investimentos financeiramente sostibles do POS+2021 da Deputación da Coruña, o proxecto supuxo a execución dun novo pavimento, a colocación de caucho e a dotación de novo mobiliario e xogos para as crianzas: varios balancíns e randeeiras, un tobogán e un equipo combinado. Ademais, dispúxose un peche perimetral de madeira.

As obras foron executadas pola empresa Ouri Entretenimientos S.L. por un importe total de 46.878’46 euros, IVE incluído -32.000 euros procedentes do ente provincial e 14.878’46 euros da Administración local-.