Thursday 21 de November de 2024

Saen adiante por unanimidade (case) todos os asuntos que se presentaron no primeiro pleno do ano en San Sadurniño


A corporación aprobou a distribución do POS+, a introdución de novas bonificacións no ICIO e unha declaración institucional demandando da Xunta o reforzo do profesorado de Ciencias no CPI

O primeiro pleno de 2022 delebrado na tardiña deste xoves levaba na orde do día un total de nove asuntos para tratar que se debateron sen demasiada controversia e cun tono por debaixo da media dialéctica que vén sendo habitual. Tal foi así que case todas as cuestións que requirían votación se aprobaron por unanimidade de todas as concelleiras e concelleiros presentes. De feito nin sequera houbo votos en contra en toda a sesión e ese “case” que faltou para o acordo en todo da corporación debeuse á abstención do representante do PSOE no intre de aprobar o plan de implantación dos ODS no territorio, máis por unha cuestión procedimental sobre a xestación do documento que polo seu contido. No demais, todo a favor, incluso nunha moción presentada por vía de urxencia polo alcalde para reclamar da Consellaría de Educación o reforzo do CPI cun mestre ou mestra para impartir parte das horas lectivas de Ciencias que neste momento está asumindo unha especialista en Música. O resume da sesión, emitida onte ao vivo a través de Facebook, incorpora desde hoxe unha nova funcionalidade, xa que premendo nas ligazóns do texto pode accederse directamente ao punto concreto do vídeo en que se debateu cada cuestión.

O pleno comezou dándolle a benvida ao Concello de San Sadurniño a Alfonso Alcalá, novo secretario municipal eventual en substitución do titular, Miguel Arroyo, trala súa marcha ás Somozas.

Logo da presentación formal do secretario-interventor, o pleno aprobou a acta da sesión anterior e meteuse xa de cheo na parte resolutiva comezando pola votación do Plan de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU. O documento recolle todas aquelas actuacións que se deben levar a cabo no territorio durante esta década para contribuír ás sostenibilidade ambiental e social. Son 17 obxectivos que incorporan metas relativas á loita contra a fame, o acceso á saúde e a educación, a igualdade de xénero ou o coidado do planeta. Todas elas inclúen indicadores que entroncan coas competencias municipais, de aí que as Administracións locais teñan un papel chave na súa consecución.

San Sadurniño foi un dos tres muncipios elixidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para facer un informe de diagnóstico inicial e propor as medidas correctoras conducentes ao cumprimento dos ODS, un labor do que se encargou a empresa Wayna Consultora recollendo información moi variada sobre o municipio e convocando encontros co tecido social e político.

O BNG e o PP apoiaron o documento final, que aspira a servir de guía de actuación tanto para o Concello como para as entidades e a veciñanza de San Sadurniño. O representante do PSOE manifestou o seu apoio ao plan pero optou pola abstención ao considerar que a participación no seu deseño non fora suficientemente ampla.

Bonificacións no imposto de obras
A partir dese momento os posicionamentos favorables xa foron unánimes por parte dos tres grupos, empezando pola modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras -o coñecido como ICIO- de cara a introducir novas modalidades de desconto.

As novidades son a bonificación do 95% no imposto municipal para as obras de rehabilitación de construcións existentes que non conten con servizos de saneamento público, así como unha bonificación do 90% para as obras que favorezan o acceso e habitabilidade das vivendas unifamiliares para persoas con discapacidade. Seguen manténdose as rebaixas do 50% para as obras executadas por entidades sen ánimo de lucro, para as construcións gandeiras ou agrícolas afectadas a esas actividades e para traballos en bens culturais catalogados.

Estes descontos non se aplicarán automaticamente, senón que deberán ser solicitados polas persoas propietarias dos inmobles e previa declaración do seu especial interese ou utilidade municipal por parte do Concello, por concorreren circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.

Apoio unánime tamén á distribución do POS para obras e social
Despois de ratificar a modificación do ICIO, os grupos tamén lle deron o visto e prace a dúas cuestións de trámite: por unha banda a actualización da composición da Mesa Permanente de Contratación e, por outra, a baixa no inventario municipal do antigo tractor municipal alleado recentemente, seguida da alta do novo vehículo que acaba de comprar o Concello para substituílo.

Dous asuntos de trámite que precederon a exposición da distribución do Plan Único de Concellos da Deputación na presente anualidade. Neste sentido San Sadurniño destinará 168.482,73 euros a gasto corrente e outros 128.215,72 á mellora da rede viaria por medio de dous grandes paquetes de obras, un para amañar 2,5 quilómetros de pistas en Santa Mariña e Bardaos e outro de 2,7 quilómetros en Naraío e Lamas.

Porén, a maiores dos anteriores, o pleno tamén aprobou os proxectos susceptibles de acollerse ao Plan Complementario, que prevé novas achegas no momento en que a Deputación libere máis recursos económicos para poder levalos a cabo. Prevense catro actuacións orzamentadas nun total de 393.606,33 euros: o aglomerado e a formación dunha senda peonil entre a Chabola e o Chao de San Cristovo (Ferreira), a renovación con ese mesmo firme do tramo comprendido entre a Camba e o límite con Moeche e a reparación das dúas pistas que enlazan a antiga estrada das Pontes co castelo de Naraío. Os catro proxectos significarían a reparación doutros 4,5 quilómetros de estradas municipais, elevando o total de melloras viarias con financiamento provincial ata un total de 7’2 quilómetros de distancia repartidos entre as 14 actuación previstas.

Canda estes programas, a Deputación tamén habilitou os fondos do POS+ Adicional 01/2022 para gasto social. Serán 58.968,96 euros que o Concello dedicará a dous capítulos: ao financiamento de persoal adscrito a Servizos Sociais -17.757,45 euros-e ao reforzo ou ampliación do Servizo de Axuda no Fogar en calquera das súas modalidades. A este último apartado destinaranse 41.211,51 euros.

Estes dous asuntos relativos ás actuacións financiadas con fondos xestionados pola Deputación volveron ter o apoio unánime dos tres grupos municipais e sen practicamente debate.

Demanda de profesorado para o CPI (Adxúntase declaración aprobada)
Malia non ir inicialmente na orde do día, os tres grupos municipais acordaron un posicionamento conxunto demandando da Consellaría de Educación o reforzo do profesorado do CPI para impartir as asignaturas de Ciencias nas aulas de Secundaria, que nestes momentos están sendo asumidas en parte por unha especialista en Música.

Tal e como se lle comunicou a dirección do centro aos pais e nais do alumnado e ao Concello hai escasos días, o nomeamento dun equipo directivo accidental o pasado 10 de decembro obrigou a modificar horarios do profesorado e a reducir horas de ensinanza en Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía en 1º e 3º da ESO, de cara a que o nova dirección puidese compatibilizar o seu labor docente coas funcións administrativas e de coordinación.

A redución compensouse provisionalmente con horas dispoñibles dunha profesora coa especialidade de Música, en espera de que a Consellaría responda á solicitude -cursada tamén en decembro- para que a Xunta envíe un profesor ou profesora de Ciencias a media xornada. A día de onte a Xefatura territorial de Educación aínda non contestara, e de aí que se trouxese o tema ao pleno co obxectivo de aprobar unha declaración institucional esixindo o cumprimento das demandas do centro educativo e das familias. A moción, introducida por vía de urxencia pola alcaldía, foi apoiada sen fisuras por BNG, PP e PSOE.

Rogos e preguntas
No tramo final da sesión non houbo rogos, pero si preguntas, todas elas formuladas polo PP interesándose polas horas prestadas e as listas de agarda no SAF, polas gratificacións do persoal municipal, por se ían reeditarse ou non as asembleas participativas e por quen se ocupaba no Concello da prevención de riscos laborais. O PP tamén solicitou información sobre o desenvolvemento do programa de prevención da violencia de xénero “O Lavadoiro” impulsado pola Deputación da Coruña en San Sadurniño e Moeche.