Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey destaca na entrega do Premio Pérez Lugín a capacidade do xornalismo para fomentar o “debate construtivo”


A alcaldesa presidiu o acto de entrega do galardón ao fotoxornalista Javier Quintana co seu artigo ‘Los extranjeros’

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, encabezou este venres o acto de entrega do Premio de Xornalismo Alejandro Pérez Lugín na súa LXXXI edición. Rey, acompañada pola presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez, presidiu a cerimonia de entrega do galardón, celebrada no Pazo Municipal de María Pita, ao fotoxornalista Javier Quintana Vázquez (A Coruña, 1976), que obtén o Pérez Lugín por segunda vez tras resultar tamén gañador no ano 2009. Durante o acto, rendiuse tamén unha homenaxe ao xornalista Ezequiel Pérez Montes, que cumpriu 50 anos como socio da entidade, da que tamén foi presidente.

Inés Rey valorou o acerto da Asociación da Prensa da Coruña na convocatoria deste ano, que puxo o foco en dous referentes culturais da cidade: o fotógrafo e cineasta José Sellier, e a actriz María Casares. “Cúmprense 125 anos das películas coruñesas do primeiro, que serviron de nacemento para o cinema español. E celebramos, neste 2022, o centenario da fabulosa actriz, que terá un lugar de honra, como merece, na programación cultural da Coruña durante todo este Ano Internacional María Casares”.

O artigo gañador da LXXXI edición do Premio Pérez Lugín, ‘Los extranjeros’, firmado co
seudónimo Orfeo, aborda precisamente o legado das figuras de Sellier e Casares, vinculando dous enterros, o do xeneral Sánchez Bregua, que filmou Sellier, e o de Albert Camus, amante, amigo e compañeiro de Casares, unindo pois ás dúas personaxes. “Hai nesta hipotética parella unha motivación para insistir na absoluta vixencia do noso  audiovisual, do noso teatro, da nosa fotografía; artes que seguimos liderando coa programación de recintos como o Rosalía de Castro, o Colón ou a Fundación Luis Seoane”, sinalou Inés Rey, que tamén valorou a calidade dos traballos presentados ao certame.

A alcaldesa recordou ás epocas de Sellier e Casares, no último terzo do século XIX e o primeiro do XX, para destacar a identidade da Coruña, que se consolidou entón como unha cidade creativa e progresista. “A Coruña ten unha tradición liberal, termo que nunca debemos esquecer e vén de liberdade. E as liberdades, as de verdade, non as manipuladas, teñen un garante no oficio que aquí nos reúne e cuxa asociación organiza este acto”, sinalou.

Durante o acto, Rey recalcou a importancia dos medios de comunicación “serios e rigorosos” para “fomentar un debate construtivo”, así como da “responsabilidade colectiva” nunha época de bulos, distorsións e fake-news. “Temos outro reto por diante: a educación mediática das novas xeracións.

Debemos axudar aos adolescentes a filtrar ou verificar todos os contidos aos que acceden a través dos seus teléfonos; poñamos atención aí, porque nos xogamos moito”, afirmou.