· Sandra Insua púxose en contacto coa Autoridad Portuaria, que lle comunicou que fora simplemente un problema burocrático.
· A rexedora tamén porá, se é necesario, operarios municipais á súa disposición para realizar o traslado.
· “A actividade que realiza a Asociación de Empresarios no Faro é vital para Camariñas, solicitei unha entrevista co presidente da Autoridade Portuaria para pedirlle que rebaixe a taxa trimestral que cobra por usar as instalacións”, destaca.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, púxose en contacto coa Autoridad Portuaria e constatou que a Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas pode seguir ocupando as dúas salas do Faro Vilán que xestionaba ata o de agora.
“Foi simplemente un problema burocrático”, explica a rexedora, que se brinda a asumir os gastos que lle ocasione á entidade volver a levar ao faro o material retirado nos últimos días e a poñer á súa disposición, se fose necesario, a operarios municipais para realizar o traslado.
Para Sandra Insua “a actividade que realiza a Asociación de Empresarios no faro é vital para Camariñas” e por iso solicitou unha entrevista co presidente da Autoridad Portuaria na Coruña, Martín Fernández Prado, “para pedirlle que rebaixe a taxa de 2.000 euros que cobra trimestralmente por usar as instalacións” xa que “é esaxerada para unha asociación como esta, sen ánimo de lucro, que o único que pretende é facer un ben común para a cidadanía como o é a atención turística nun enclave tan importante para toda a comarca”.