O municipio acolle a Dance Sport Cup 2022 con cerca de 500 inscricións de 26 países
A proba, que se celebra cada catro anos, correspóndese coas series clasificatorias europeas para os Xogos Mundiais de Baile Latino que se terá lugar en Atlanta no mes de xullo
O pavillón municipal da Xunqueira vivirá este sábado e domingo dúas xornadas moi intensas. Alí daranse cita cerca de 500 bailarinas e bailaríns procedentes de 26 países no que será un dos eventos de baile deportivo estándar e latino de maior relevancia de cantos se teñen celebrado no Estado. E non é para menos, xa que a Dance Sport Cup Fene 2022 reunirá en San Valentín “ao mellor do mellor” destas disciplinas nun encontro con probas desde a categoría Junior até a Senior 4 (+de 60 anos). Ademais, no marco desta copa tamén se desenvolverán as series clasificatorias europeas de baile deportivo latino para obter o pase aos Xogos Mundiais que terán lugar nos Estados Unidos no mes de xullo. As entradas poden adquirirse a través desta ligazón e a competición poderá seguirse por internet a través de LaLiga4 Sports e nas canles da Federación Española e da Federación Mundial de baile deportivo.
Os detalles da Dance Sport Cup Fene 2022 explicáronse esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, a responsable municipal de Deportes, Ángeles Coira, e os representantes da organización: Valeri Ivanov por parte da federación e de Dance Sport Team, e Jesús Marcos en nome do CBD Narón, club este último que tamén conta con apoio da Asociación Xuvenil Fene Movemento.
Juventino Trigo abriu as intervencións dándolle a benvida á proba internacional e agardando que tanto as persoas participantes como o público e visitantes “se sintan a gusto” durante o seu desenvolvemento, ademais de expresar a súa satisfacción porque a Federación elixise Fene “como lugar idoneo” para un evento desta envergadura.
O rexedor tamén agradeceu o traballo da organización e “a colaboración desinteresada de diferentes establecementos de Fene, implicados co baile deportivo e co concello”, ademais de incidir nas repercusións que terá a cita sobre a hostalaría e os servizos “non só no concello, senón en toda a comarca”.
De explicar o contido deportivo e de destacar a relevancia da DSC 2022 encargouse Valeri Ivanov, representante das federacións estatal e internacional. O responsable organizativo explicou que os preparativos tiveran que facerse “contra reloxo” en pouco máis dun mes, debido aos sucesivos cambios nas restricións preventivas da COVID-19, pero que, finalmente, todo está encamiñado xa para empezar a primeira hora da mañá do sábado.
Todos os horarios poden consultarse na web dancesportcup.com, aínda que Valeri Ivanov fixo un pequeno repaso indicando que tanto o sábado como o domingo pola mañá se desenvolverán as probas estatais, reservando a tarde do primeiro día -desde as 16:00h- para as series clasificatorias europeas na modalidade de latino, que lle darán o pase ás mellores parellas do continente para participar en xullo nos Xogos Mundiais de Atlanta. A entrega de trofeos está prevista para as 21:00h.
O último dato da organización situaba as inscricións en preto de 500, o que supón arredor de 250 parellas -cómpre ter en conta que as persoas participantes poden inscribirse en máis dunha modalidade- procedentes dun total de 26 países, dentro das categorías desde Junior até Senior 4 (+ de 60 anos). Ademais, segundo precisou Ivanov, á competición de latino asistirán parellas que xa foron finalistas en anteriores mundiais, de maneira que en Fene se poderán seguir as evolucións “do mellor do mellor” en baile deportivo. “Imos converter Fene na capital do baile deportivo do mundo”, asegurou Valeri Ivanov.
O representante da organización recalcou, por último, que a Dance Sport Cup Fene 2022 “é un evento que non se pode ver moitas veces na vida e probablemente non vai vir moitas veces a España. Os Xogos Mundiais e a World Qualifier celébranse cada catro anos e, realmente, tela en Fene é todo un éxito”, dixo Ivanov. A este respecto tamén recordou que neste momento está aberta a venda anticipada de entradas, que pode facerse por vía electrónica a través da web, con prezos que van desde os 10 aos 25 euros.
A competición poderá verse “en todo o mundo” grazas aos streamings de LaLiga4 Sports e das canles da Federación Española de Baile Deportivo e da World Dance Sport Federation.