Friday 22 de November de 2024

A Laracha acollerá este verán dous campos de traballo internacionais de carácter medioambiental, etnográfico e patrimonial


As actuacións enmárcanse na Campaña de Verán 2015 da Dirección Xeral de Xuventude

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, anunciou na Laracha que o municipio acollerá este verán dous campos de traballo internacionais de carácter medioambiental, etnográfico e patrimonial. En primeiro lugar, levarase a cabo a actuación no entorno da conca do río Bradoso, entre o 14 e o 24 de xullo, e, a continuación, desenvolverase o segundo na conca do Acheiro, entre o 27 de xullo e o 5 de agosto. Cada un deles, contará con 15 participantes de entre 18 e 30 anos procedentes de varios países do mundo, así como doutras comunidades españolas e de Galicia.

Os participantes centrarán as súas actividades na revitalización do entorno das concas dos ríos Acheiro e Bradoso, onde se levarán a cabo labores de acondicionamento dos muíños da zona e dos roteiros habilitados, mellora da sinalización e dos paneis informativos, identificación de flora, costumes e tradicións arredor dos muíños, así como o adecentamento das zonas de lecer desta área.

Os mozos e mozas disporán ademais dunha serie de actividades complementarias en colaboración coa mocidade da Laracha, entre as que se atoparán o achegamento á historia, cultura e festas en zona; ou visitar a outras localidades próximas.

Do Campo destacou que “os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. Son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria. Ao mesmo tempo, a través das mesmas promóvese a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal. Fomentan, tamén, a mobilidade, dado que ofrecen a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades autónomas e países.

No ano 2015, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará un total de 22 quendas en 19 campos de traballo en Galicia, con 475 prazas. Na provincia da Coruña, cinco municipios acollerán os campos: A Laracha, Outes, Boqueixón, Padrón e Rois. A oferta noutras comunidades autónomas e noutros países estará dispoñible o próximo mes.