Saturday 16 de November de 2024

O Plan Camiña e o Plan Xacobeo Next Generation permitirán inxectar 85,8M€ no turismo para avanzar na consolidación do sector en pleno Ano Santo


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, salientou no Foro Finisterrae a importancia dos fondos europeos para que o 2022 sexa “o ano grande de Galicia” da man do Xacobeo

― Rueda ratificou o compromiso do Goberno galego co sector turístico e informou aos empresarios reunidos en Fisterra das vantaxes para os seus negocios do Plan Camiña, que dun total de 46,6M€, conta cunha partida específica de 21,6M€ para as empresas do sector, e do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con 39,2M€

― Os datos de ocupación hoteleira de decembro do 2021 confirman que Galicia se mantén no segundo posto entre as CCAA con maior recuperación turística, case 25 puntos por riba da media española

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe no Foro Finisterrae a aposta do Goberno galego polo sector turístico con estímulos encamiñados a facer do 2022 o ano grande de Galicia da man do Xacobeo, como o Plan Camiña e o Plan Xacobeo Next Generation.

Nun encontro con empresarios, Rueda salientou a importancia dos fondos europeos para apuntalar a recuperación turística iniciada o ano pasado e ratificou o compromiso do Goberno galego co sector turístico. Aos representantes da iniciativa privada, informoulles das vantaxes para os seus negocios do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con 39,2 millóns de euros, ou do Plan Camiña, que dun total de 46,6 millóns, conta cunha partida específica de 21,6 para as empresas do sector.

A Xunta puxo en marcha o Plan Camiña co obxectivo de seguir reactivando o sector con achegas directas para a adaptación dos seus negocios aos estándares de calidade que demanda o turismo do século XXI e para animar aos galegos a consumir na rede hoteleira e hostaleira da nosa comunidade. Ademais dos 21,6 millóns específicos para o tecido empresarial -para a mellora dos establecementos turísticos, o incremento da calidade, a aceleración de iniciativas turísticas e a formación e profesionalización do persoal-, o Plan Camiña destina 21,7 millóns a entidades locais e outros 3,3 máis para iniciativas encadradas no turismo de familia, para estratexias postas en marcha polas universidades galegas e para entidades sen ánimo de lucro.

A maiores, o tecido turístico galego poderá beneficiarse tamén do Plan Xacobeo Next Generation, que destina 22,7 millóns á posta en valor de 12 monumentos catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC), ademais de 8,3 millóns para accións de cohesión en destino e 8,1 millóns máis para plans de sustentabilidade turística en destino. Rueda indicou que esas inversións no patrimonio e na posta en marcha de iniciativas turísticas sostibles e de calidade redundarán en beneficio do sector, tendo en conta que “o Camiño de Santiago e o Xacobeo son patrimonio de todos os galegos”.

Alfonso Rueda recordou que a Xunta xa investiu o ano pasado 120 millóns de euros na recuperación do sector e que este ano seguirá na mesma liña, destinando axudas directas ao tecido empresarial e renovando campañas de éxito como a do bono turístico para reactivar o consumo.
Reedición de iniciativas que tiveron unha gran acollida

Entre as iniciativas que tiveron mellor acollida o ano pasado e que van seguir vixentes este ano figura o seguro coronavirus, unha iniciativa pioneira e imitada por outras comunidades autónomas e que deu un plus de confianza aos turistas ante un posible contaxio da covid-19, xa que lles garantía a cobertura de todos os gastos sanitarios. O seguro, no que se investiu un millón de euros, seguirá vixente ata o mes de maio. “Pero de ser necesario, prorrogarase -indicou Rueda-. Ogallá non faga falta e poidamos desfrutar do ano grande que Galicia merece”.

Tamén vaise renovar o bono turístico, unha iniciativa igualmente pioneira que espertou interese noutros lugares e que permitiu mobilizar 7,7 millóns de euros nun momento moi difícil para o turismo. Perante os empresarios que asistiron ao Foro Finisterrae, o vicepresidente primeiro recordou que foron case 12.300 persoas as que fixeron 30.000 transaccións en 1.200 empresas asociadas, sobre todo nos meses de outono, o que axudou a reactivar o sector en temporada baixa. Con ese motivo vaise reactivar de novo a tarxeta este ano, coa finalidade de desestacionalizar a oferta turística e reactivar o turismo.

O vicepresidente primeiro indicou que tamén se porá en marcha unha nova edición de Camiña a Galicia, a campaña de promoción que deu a coñecer o Xacobeo ao 80% do mercado nacional, ata 30 millóns de persoas na onda do verán e con 7 millóns de impactos nos medios dixitais, que tamén chegaron a mercados estranxeiros como o portugués, o italiano ou o alemán. Na reedición da campaña para o segundo ano do Xacobeo vanse investir 7,9 millóns de euros co obxectivo de captar, sobre todo, visitantes do mercado internacional. Alfonso Rueda asegurou: “Vivimos no mellor lugar do mundo e o mundo ten que sabelo”.

O vicepresidente primeiro salientou que todas estas medidas, xunto con “sentidiño”, a responsabilidade e o compromiso do sector e da sociedade galega en xeral, deron moi bos resultados, como se confirmou esta semana cos datos de ocupación hoteleira do mes de decembro, que confirmaron que Galicia segue a ser a segunda comunidade autónoma con maior recuperación turística, case 25 puntos por riba da media. A comunidade galega pechou o 2021 cun incremento de case o 90% de ocupación hoteleira en relación á do 2020 e, no acumulado do ano, leva 4,1 millóns de viaxeiros e case 9 millóns de noites -sumando os hosteleiros e extrahoteleiros ata o mes de novembro-.

Rueda recordou aos empresarios que “Galicia está de moda” e que ten unha oportunidade única ante “unha década xacobea” da que toda a sociedade galega sairá beneficiada.