Serán un total de dúas funcións, previstas para venres e sábado ás 20.30 horas. A programación deste semestre traerá á cidade a Javier Gutiérrez,
Ana Belén, Areta Bolado e Manolo Caro, entre máis intérpretes.
O Teatro Rosalía de Castro abre esta semana a nova tempada do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022, que chega coa novidade da reactivación do programa de abonos que, por razóns sanitarias, permaneceu en agarda desde outono do ano 2020.
Son trece as obras que integran a programación de primavera do Ciclo Principal de Teatro no Rosalía de Castro, que dará comezo este venres 28 e sábado 29 (ás 20.30 horas) coespectáculo True West, unha coprodución de Octubre Producciones, Tanttaka Teatroa e Bitò Produccions baixo a dirección de Montse Tixé.
True West, unha comedia negra protagonizada por Tristán Ulloa e Pablo Derqui, amosa a historia do desenlace dunha rivalidade entre dous irmáns que presentan, coa súa dualidade, a natureza conflitiva do ser humano. Por unha banda está Lee, un buscavidas; e pola outra, Austin, un guionista. Os dous atópanse de novo na casa familiar, onde as súas diferenzas lévanos cara a unha deriva autodestrutiva mentres procuran, conxuntamente, dar forma a un guión cinematográfico que podería cambiar as súas vidas para sempre.
As entradas para asistir aos dous espectáculos, que comezará tanto venres como sábado ás 20.30 horas, están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 18 euros para o público xeral. Os pases tamén poderán adquirirse os días das actuacións, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.
O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio dispor do certificado de vacinación e tamén o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.
Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.
Outras doce obras previstas ata mediados de xuño
Ademais de True West, a programación do Ciclo de Teatro-Primavera 2022 no Rosalía de Castro abrangue doce obras máis durante este primeiro semestre de ano. Son as seguintes:
● 4 e 5 de febreiro: Moria, con Marta Vieira e Ruth Sánchez.
● 11 de febreiro: RIF (De piojos y gas mostaza), con Arantxa Aranguren e Néstor Ballesteros.
● 18 e 19 de febreiro: Atocha, el revés de la luz, con Nacho Laseca e Fátima Baeza.
● 4 e 5 de marzo: El cuaderno de Pitágoras, con Manolo Caro e Emmanuel Cea.
● 12 de marzo: Tierras del Sud (Trilogía Pacífico), con Laida Azkona e Txalo Toloza-Fernández.
● 18 e 19 de marzo: Eva contra Eva, con Ana Belén e Mel Salvatierra.
● 27 de marzo: El diablo en la playa, con Celeste e Claudia Faci.
● 1 e 2 de abril: Lo fingido verdadero, con María Besant e Montse Díez.
● 8 e 9 de abril: Smoke on the water, con Josito Porto e Belén Constenla.
● 22 e 23 de abril: Erresuma. Kingdom, con José María Pou e Eneko Sagardoy.
● 20 e 21 de maio: As que limpan, con Areta Bolado e Noelia Castro.
● 17 e 18 de xuño: Los Santos Inocentes, con Javier Gutiérrez e Pepa Pedroche.