Traslada á Real Academia de Belas Artes os parabéns polo Día das Artes Galegas e asevera que entre a sociedade galega e os seus creadores houbo e hai unha fonda comuñón
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso das artes galegas coa historia e co futuro de Galicia, e situonas como principal síntoma dun país san e dunha sociedade e libre.
O titular do Goberno galego, que presidiu a presentación do Día das Artes Galegas 2015, dedicado ao Mestre Mateo, trasladou á Real Academia de Belas Artes os parabéns por esta iniciativa e aseverou que entre a sociedade galega e os seus creadores houbo e hai unha fonda comuñón. “Os galegos intuímos que nas súas mans está a facultade de facernos transcendentes; o artista fainos disfrutar dun anaco de eternidade”, aseverou.
Feijóo afirmou que todos soñamos nun futuro afastado no que Galicia perviva. “E estou certo de que unha das mellores ferramentas para asegurar esa pervivencia é a arte”, afirmou, ao que engadiu que a arte loita contra o tempo, teima contra o esquecemento e restablece a memoria das cousas que son importantes na existencia dos pobos.
Así mesmo, asegurou que dedicarlle o primeiro Día das Artes Galegas ao Mestre Mateo é toda unha declaración de intencións e de emocións. E, nesta liña, lembrou que o Pórtico e a Catedral son un eixo da arte europea: “O Camiño transforma a Galicia cos peregrinos que veñen, e transforma Europa cos peregrinos que van. Foi a primeira gran rede social pola que transitaron correntes de pensamento, inquedanzas e aventuras que quedaron indisolublemente unidas á nosa identidade, que así queda caracterizada para sempre co selo do dinamismo”, resaltou.
Durante a súa intervención, o responsable autonómico afirmou que o desafío de ser Europa está superado, e agora o reto é facer visible e audible o noso país no mundo globalizado. “E podemos afirmar, sen falsas modestias, que xa é visible e audible”, asegurou, ao que resaltou que na primeira liña desa conquista galega do mundo está a arte, “están os artistas galegos”.