— O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou hoxe a prolongación ata finais de marzo, nun acto no que presentou o catálogo da exposición xunto aos escritores Xavier Seoane e Luís Rei, autores dos textos, a filla do artista, Blanca González Docampo, e a directora do centro, Ángeles Penas Truque
— A publicación permite un achegamento á traxectoria e á personalidade de González Pascual a través de diferentes olladas, así como o coñecemento do seu traballo
— A cidadanía pode afondar tamén nesta singular figura da plástica galega a través das visitas guiadas que ofrece o Museo de Belas Artes
Ante a boa afluencia de público, a Xunta amplía un mes a mostra antolóxica Alejandro González Pascual (1930-1993), organizada polo Museo de Belas Artes e que ofrece unha visión renovada da obra e da traxectoria artística do pintor coruñés. Así o anunciou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, hoxe na presentación do catálogo publicado no marco da exposición. O acto contou coa participación de Xavier Seoane e Luís Rei Núñez, autores dos textos da publicación, así como da filla do artista, Blanca González Docampo, e da directora do museo, Ángeles Penas Truque.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a calidade do catálogo tanto no seu deseño coma no seu contido. Neste sentido, sinalou o amplo percorrido pola biografía e o contexto histórico de Alejandro González Pascual que ofrece Luís Rei Núñez, así como a evocadora reflexión arredor da figura do pintor asinada por Xavier Seoane, profundo coñecedor da súa traxectoria vital e artística. Agradeceu tamén o “inestimable traballo realizado por Blanca González Docampo a prol da difusión da obra do seu pai”, e a súa colaboración no catálogo, coa que achega o aspecto máis humano do artista.
Segundo explicou o secretario xeral, a publicación combina os textos con fotografías persoais de Alejandro González Pascual e con imaxes das súas obras. Complétase cunha biografía resumida e cunha escolma de declaracións do pintor e de diversas persoas sobre el ao longo dos anos, co obxectivo de facilitar o coñecemento do seu traballo e da súa personalidade. Canto ás máis das 100 obras da exposición reproducidas, o catálogo divídeas en seis grandes áreas identificadas como Inicios, Natureza, Bodegón, Estudio, Retrato e Murais.
Anxo M. Lorenzo referiuse á importancia do labor realizado no Museo de Belas Artes para facilitar o achegamento da cidadanía a Alejandro González Pascual, unha das figuras máis singulares da plástica galega das últimas décadas. Así, ademais da ampliación temporal da mostra, aludiu a iniciativas como a publicación do catálogo presentado hoxe, que permite a permanencia no tempo da exposición antolóxica, ou as visitas guiadas que está a desenvolver o Museo de Belas Artes á exposición, con percorridos dirixidos tanto a público xeral coma a grupos.
A mostra instalada desde o pasado novembro, poderá verse ata finais de marzo. Estrutúrase en catro grandes bloques baseados na reiteración de temas do pintor e cos títulos de Natureza, Bodegón, Estudo e Retrato. Trátase de máis dun cento de pezas procedentes a meirande parte de coleccións privadas e que nunca foran expostas, así como de institucións entre as que figuran a Deputación da Coruña, a Delegación do Goberno na Coruña, o Museo Provincial de Lugo, a Real Academia Galega ou a Colección de arte Abanca, ademais da propia Xunta.