— A montaxe da compañía Helena Salgueiro represéntase este venres no Teatro Colón ás 20,00 horas
— Trátase dunha adaptación da obra homónima de Samuel Beckett na que se conxuga danza, teatro, perfomance, cinema en directo e instalación visual
— A unidade teatral da Xunta ten previstas seis novas coproducións ata xuño, que se presentarán en diversos concellos galegos a prol da creación de público en todo o territorio
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres a primeira das seis coproducións previstas para este semestre do ano coa montaxe Come and go, da compañía Helena Salgueiro. A peza preséntase o venres no Teatro Colón da Coruña, ás 20,00 horas, e inclúe un encontro co público ao remate da función. A entrada é de balde mediante convite que se pode retirar a través da web www.ataquilla.com.
Dirixida e producida pola directora escénica, performer e escritora Helena Salgueiro, Come and go é unha adaptación da obra homónima de Samuel Beckett. A proposta conxuga danza, teatro, perfomance, cinema en directo e instalación visual nunha coreografía que investiga o tempo, o xesto e a linguaxe a partir dunha das pezas máis minimalistas do autor irlandés.
Xunto a Salgueiro, completan o elenco Iria Sobrado e Ana Gesto. O compositor xaponés Atzi Muramatsu é o autor da música orixinal e o videógrafo Marcos Montiel, da gravación para o apoio de cinema. O colectivo técnico-artístico MOM encargouse dos apoio do sensor de movemento e da iluminación. Este equipo internacional ten como foco creativo Galicia e a súa conexión con outras linguas e autores, o que o levou a facer coa súa montaxe a primeira tradución ao galego dos textos curtos de Beckett.
Representación accesible
Na mesma liña de atención da unidade teatral da Xunta ás persoas con necesidades especiais, a estrea de Come and go será unha representación accesible para público con dificultades visuais e auditivas, xa que contará con interpretación de signos e audiodescricións, ademais de estar conformada para respectar as audiencias con pouca tolerancia á escuridade e aos ruídos. Asemade, o espectáculo ten o selo Green Theatre, sen xeración de plásticos, e utiliza elementos orgánicos e biodegradables no espazo escénico, no vestiario e no proceso de ensaios.
Na semana previa á súa estrea, a compañía Helena Salgueiro participou nunha residencia na localidade portuguesa de Beja, cunha coprodución do CDG coa formación Lendias d’Encantar a través do Festival Internacional de Teatro do Alentejo (FITA). A iniciativa enmárcase no plano de colaboracións internacionais e residencias exteriores da unidade teatral da Xunta. Ademais, a peza ten previsto viaxar a Escocia e Irlanda.
Seis novas coproducións ata xuño
Come and go forma parte das seis novas coproducións previstas polo CDG ata xuño, que verán a luz en diferentes concellos galegos, como A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo ou O Barco de Valdeorras. Trátase de Rastros, con Condetrespés, O péndulo, con Inversa Teatro, dous novos volumes de Clásicas desfeitas, con Galeatro e Moving Compass, Continente María, con Ainé Producións, e Asemblea xeral, con Sarabela Teatro.
O obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral. A compañía institucional leva a cabo este programa en paralelo á montaxe e distribución das súas producións propias, como é o caso de A peste, o espectáculo inspirado na novela homónima de Albert Camus que dirixiu Cándido Pazó e que se está a representar no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 13 de marzo.