Friday 22 de November de 2024

Correos distribúe un mapa gratuíto que anima a descubrir os encantos do Camiño Inglés


• O plano está dispoñible nas oficinas de Correos situadas de Ferrol e A Coruña a Santiago de Compostela e tamén pode descargarse na web www.elcaminoconcorreos.com

• Correos continuará prestando durante este ano Xacobeo servizos aos peregrinos como o transporte de equipaxes e bicicletas en todas as etapas do Camiño

Correos puxo hoxe en circulación o mapa ‘10 cousas que facer no Camiño Inglés’, destinado aos peregrinos que realizan o Roteiro Xacobeo desde Ferrol e A Coruña ata Compostela. O plano foi presentado na Oficina Principal de Santiago pola responsable do Camiño con Correos, Charo Calvo; a xefa de sector de Produtos e Servizos de Correos, Marga Señoráns e o presidente da Asociación de Municipios do Camiño Inglés, Manuel Mirás.

A través dunha sinxela ilustración, o plano permite orientarse nas distintas etapas e situar lugares de interese turístico e cultural. A guía de Correos inclúe información e consellos en castelán e inglés, co obxectivo de que a experiencia para o peregrino sexa o máis completa e enriquecedora posible.

O mapa é gratuíto e está dispoñible en oficinas de Correos presentes no Roteiro: nas dúas oficinas principais de Ferrol e A Coruña, e nas oficinas de Pontedeume, Betanzos, Ordes, Sigüeiro e na oficina principal de Santiago, situada na rúa do Franco.

Ademais a guía pode descargarse tamén gratuítamente en formato PDF na páxina www.elcaminoconcorreos.com, a web que a compañía loxística dedica ao Camiño de Santiago con información sobre as etapas e servizos especiais para os distintos Roteiros Xacobeos.

’10 cousas que facer no Camiño Inglés’

O novo mapa de Correos ofrece 10 consellos aos peregrinos que realizan o Camiño Inglés, segundo os seus dous puntos de partida. Aos que o inician en Ferrol, recoméndaselles visitar o arsenal militar e coñecer os edificios modernistas do barrio da Madalena.
Coñecer o Mosteiro do Couto de Narón, o pan de Neda, o Museo do Humor de Fene, as praias de Cabanas e o centro histórico de Pontedeume, así como Caaveiro ou as Fragas do Eume figuran tamén na guía. Outras propostas son gozar dos areais de Miño e descubrir Betanzos, coa súa arquitectura e a súa famosa tortilla.

Aos peregrinos que empezan na Coruña, aconséllaselles descubrir a cidade vella, o paseo marítimo e a Torre de Hércules, para logo partir a coñecer o patrimonio de Abegondo e parar en Carral para probar o seu pan.

Xa nas etapas comúns de Mesía, en Hospital de Bruma, rememorar o hospital de peregrinos máis antigo do Camiño Inglés; ver a arte urbana de Ordes e gozar da contorna do río Tambre en Oroso.

Ao chegar a Santiago de Compostela, a 2 minutos da praza do Obradoiro, achegarse a Correos en rúa do Franco e deixar en consígnaa a mochila, bici ou bastón, ou envialos de volta a casa para poder entrar á Catedral e para coñecer a zona vella e a súa gastronomía libres de cargas.
Servizos de Correos no Camiño Inglés
Ademais de mapas como o do Camiño Inglés, Correos continúa promocionando este Roteiro no Ano Xacobeo e prestando servizos para os peregrinos, que están recollidos na web www.elcaminoconcorreos.com.
Os peregrinos poden ir organizando o seu próximo Roteiro, con servizos como o Paq Mochila, o transporte de mochilas etapa a etapa ao longo do Camiño Inglés; o Paq Peregrino, para enviar maletas e paquetes a Santiago ou de volta a casa e do Paq Bicicleta, para enviar as bicicletas tanto antes como despois do Camiño.
Ademais, poden atopar na páxina información pormenorizada de cada etapa do Camiño Inglés, os seus hoteis, albergues e hostais, e os consellos dos carteiros das distintas zonas.