— O directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras levadas a cabo o ano pasado ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público
— A Xunta destinará 3,5M€ a esta liña de axudas que ten por obxectivo mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados a prestacións de servizos municipais nos concellos galegos, de forma individual ou colectiva
— O Goberno galego investiu máis de 770.000 euros nos últimos anos na mellora dos servizos do concello de Cabana de Bergantiños
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe en Cabana de Bergantiños a zona na que se levaron a cabo as obras de mellora da accesibilidade e do entorno do inmoble municipal destinado a vivendas sociais no edificio de vivendas dos mestres do colexio público comarcal As Revoltas.
O Goberno galego destinou máis de 39.000 euros para mellorar a accesibilidade aos tres portais, para o peche dos baixos dos balcóns do edificio a nivel da planta baixa, para a limpeza e reparación das fachadas, para a instalación de nova carpintería nos balcóns e para a execución duns itinerarios , ramplas a escaleiras exteriores polas que se accede ao edificio principal, o que permitirá cumprir a normativa de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
Natalia Prieto subliñou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños. Tamén lembrou que a convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público permitiu financiar 6 proxectos na comarca Carballo-Costa da Morte que contaron con achegas da Xunta por valor de máis de 338.800 euros nos concellos de Camariñas, Cee, Coristanco, A Laracha, Laxe e Cabana de Bergantiños. No conxunto de Galicia, a Xunta mobilizou máis de 40 millóns de euros nos últimos anos para financiar 1.372 proxectos dos concellos galegos, 125 deles na convocatoria do ano pasado.
Nova convocatoria
Na visita, o representante do Goberno autonómico lembrou que xa se publicou a nova convocatoria para este ano da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, de forma individual ou compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros.
Entre as actuacións subvencionables inclúense obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais ou a construción, mellora e ampliación de parques infantís, dependencias municipais ou instalacións deportivas de uso público.
A Xunta investiu nos últimos anos máis de 770.000 euros en diferentes liñas de axudas habilitadas pola Dirección Xeral de Administración Local para mellorar os servizos municipais do Concello de Bergantiños, entre as que destacan actuacións na rede de saneamento e no medio ambiente, obras de eficiencia enerxética ou actuacións en edificios municipais, como a casa do concello ou a casa de cultura.