· O goberno local levará este venres a pleno a proposta para a súa aprobación.
· As obras que se acometerán son a construción dunha senda peonil a Lingunde e outra en Rociñas-Carrofeito, Camelle.
· No Plan Complementario incluíronse seis proxectos que suman 287.576,48 euros.
O Concello de Camariñas levará ao pleno ordinario que se celebrará este venres, 28 de xaneiro, a aprobación do Plan Único da Deputación da Coruña polo que se destinarán un total de 321.000 euros para ampliar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal, construír dúas sendas peonís, facer fronte a gastos correntes e reducir a débeda.
Así, por unha banda, o goberno local decidiu ampliar e reforzar o SAF cos 49.410,55 euros que lle corresponden do Plan Único Social, que se creou para sufragar gastos sociais extraordinarios orixinados como consecuencia da expansión da pandemia da COVID-19.
Pola outra, a asignación do Plan Único 2022 de cooperación ás obras e servizos para o Concello de Camariñas suma un total de 271.823,61 euros, dos que 141.173 euros serán para financiar gastos correntes e axilizar pago a provedores, 10.587,98 euros para a redución de débeda con entidades financieiras e 120.062,63 euros para investimentos.
Neste último epígrafe inclúense dous proxectos: a construción dunha senda peonil a Lingunde, que conta cun orzamento de 71.662,79 euros; e a pavimentación e delimitación da senda peonil en Rociñas-Carrofeito, Camelle, valorada en 48.399,84 euros.
Plan Complementario 2022
Ademais, tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2022, valorado en total en 287.576,48 euros, e que se destinará a seis proxectos: o arranxo do acceso ó campo de fútbol en Camariñas e dun camiño no lugar de Brañas Verdes; a mellora do pavimento no ámbito do campo da feira no Outeiro na Ponte do Porto; a pavimentación e saneamento na rúa Rozas de Arou; a pavimentación do camiño de Portocelo-Atalaia-Castelo; a reparación do pavimento na rúa Do Bico e, por último, o acondicionamento do firme de pistas no lugar de Trasteiro, Xaviña.
Outros asuntos do pleno
Ademais, tamén se levará á sesión plenaria deste venres o incremento retributivo do 2% previsto na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, para tódolos conceptos retributivos, tanto do persoal funcionario como do laboral.