A iniciativa ‘Coffee: un vaso, moitos cafés’, que comezou este luns, conta coa participación de catro establecementos hostaleiros da cidade
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza desde hoxe a segunda edición da campaña ‘Coffee: un vaso, moitos cafés’, ideada para sensibilizar a cidadanía co foco posto na redución de residuos, apostando polos envases reutilizables na hostalaría para substituír os vasos dun só uso.
Esta iniciativa contou cunha experiencia piloto entre os días 16 e 22 do pasado mes de decembro, no marco da Semana Europea para a Prevención de Residuos (EWWR). Nese período obsequiouse a clientela das cinco cafeterías colaboradoras cun vaso metálico reutilizable de café para levar. Ao remate da campaña, os establecementos adheridos á proposta da Concellería de Medio Ambiente estimaron que o 80 % dos vasos reutilizables entregados nos días nos que a proposta estivo en marcha estiveron a ser empregados de xeito habitual á hora de pedir café para levar.
Este luns, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asistiu na Cidade Vella á posta en marcha da segunda edición da campaña, que estará activa ata fin de existencias dos vasos reutilizables. A presentación da mesma levouse a cabo no Café San Francisco (rúa San Francisco, 10), un dos catro establecementos da cidade que toma parte na iniciativa e na que tamén participan Veracruz Boutique (avenida de Fisterra, 3), Habaziro Concept (rúa Luís Quintas Goyanes, 2) e Miss Maruja (rúa Zalaeta, 4).
O obxectivo da campaña é comprobar a viabilidade da transición cara a hábitos máis sostibles nas accións diarias, reducindo os residuos que xeramos de xeito cotián e fomentando hábitos de consumo máis sostibles, coa visión posta na aplicación dos principios de economía circular desde o concreto e o local.