A primeira terá lugar o sábado 12 de febreiro e custará 10 euros
O Concello de Frades proponlle aos seus veciños e veciñas a realización do Camiño Inglés en varias etapas, que terán lugar mensualmente en sábado e sempre que a meteoroloxía así o permita. Trátase dunha iniciativa iniciada no ano 2017 polo Concello de Frades e que permitiu que unha media de 80 veciños e veciñas percorreran xa o tramo galego do Camiño Francés, o Camiño a Fisterra, o tramo Fisterra-Muxía e a Vía da Prata, esta última acometida durante a pandemia da Covid-19.
A primeira etapa do Camiño Inglés, 15 quilómetros entre as localidades de Ferrol e Neda, será cuberta o sábado 12 de febreiro. A expedición, cun mínimo de 30 persoas participantes, partirá en autobús ás 8:00 horas da Casa do Concello de Frades ata o inicio da etapa. O mesmo autobús recolleraos en Neda ao remate da etapa. A veciñanza participante elixirá se levar a comida para o camiño ou xantar nalgún restaurante da zona por conta propia.
O prezo mantense como ao inicio da iniciativa: 10 euros por persoa e etapa. Inscricións no Concello de Frades ou chamando ao 981 695 567.