Os gañadores en categoría absoluta da primera cita coas carreiras populares foron Uxía Rodríguez Negreira en categoría feminina e Alejandro Diego Montero en categoría masculina
O prazo de inscrición para a media maratón Coruña21, que se celebrará o vindeiro 13 de febreiro, está aberto ata o 6 de febreiro
A primeira das probas do calendario do Coruña Corre celebrouse hoxe en Matogrande, unha cita con récord de corredores inscritos, máis de 1.800 corredores. Foron sete quilómetros de percorrido, coa novidade da entrada ao estadio do campus universitario de Elviña.
Os gañadores absolutos foron os seguintes (por orde, de primeiro a terceiro): Categoría sénior feminina: Uxía Rodríguez Negreira, Nerea Sánchez Rocha e Iria Sánchez Prieto.
Categoría sénior masculina: Alejandro Diego Montero, Abdelaziz Fatihi e Álvaro Marín Pérez.
Sub 23 feminino: Ana Bort Respino, Rosalía Ortega e Andrea Pérez Fernández.
Sub 23 masculino: Áxel Varela Martínez, Martín Blanco Prego e Daniel Fernández Argul.
Sub 20 feminino: Lucía Vázquez Hermida e Ana Fernández Peiteado.
Sub 20 masculino: Yago Ignacio García Sanz, Guillermo Sánchez Ruiz e Tomás Prada Maroño.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participou na proba e o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, e o reitor da UDC, Julio Abalde, foron os encargado da entrega de premios, á unha da tarde, nun animado acto nas instalacións do colexio Liceo La Paz.
O Concello da Coruña impulsa de novo, despois dunha obrigada parada de dous anos por razóns sanitarias, o circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que neste 2022 chega á súa novena edición cun calendario de sete probas ideadas para fomentar o deporte nos barrios da cidade, un compromiso adquirido polo Goberno municipal de Inés Rey durante o vixente mandato.
O circuíto Coruña Corre proseguirá con outras seis citas: o 26 de marzo, a carreira nocturna da Torre de Hércules; o 8 de maio, a Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma; o 22 de maio, a carreira dos Rosales; despois da pausa dos meses estivais, xa o 11 de setembro terá lugar a Volta a Oza; seguidas polas probas do 23 de outubro no Ventorrillo e o 27 de novembro en Novo Mesoiro.
Aberto o prazo de inscrición ata o 6 de febreiro para a media maratón Coruña21
Ademais, o 13 de febreiro, a cidade vivirá de novo outra das súas grandes citas populares do calendario deportivo coa celebración da decimocuarta edición do medio maratón Coruña21. Desde este xoves xa é posible inscribirse a través da web www.carreirasgalegas.com. O prazo finalizará o vindeiro 6 de febreiro.
A proba, integrada no calendario da Real Federación Española de Atletismo, suporá unha nova oportunidade para gozar do running na cidade da Coruña. A inscrición será de 18 euros no primeiro prazo (ata o 30 de xaneiro); de 30 euros para os inscritos en segundo prazo (do 31 de xaneiro ao 6 de febreiro); e de 40 euros para os que se inscriban entre os días 7 e 8 de febreiro.
Haberá condicións especiais para as persoas desempregadas e xubiladas, que terán un desconto do 50 % da cota que lles corresponda.
A app móbil de Coruña Corre, xa dispoñible para descargar en Android e iOS
Para facilitar o acceso da cidadanía ao calendario e actualizacións do circuíto Coruña Corre, o Concello da Coruña impulsou a posta en marcha dunha nova aplicación móbil, xa dispoñible para dispositivos Android e iOS na Play Store e a tenda online de Apple, para que as usuarias e os usuarios interesados nas carreiras populares poidan inscribirse, consultar as súas marcas e os percorridos das probas en todo momento.