― O obxectivo é reforzar as comunicacións dos municipios intermedios, tras a activación o 10 de xaneiro de 55 novos servizos directos entre A Coruña e Ferrol
― Para implantar estes axustes, a Xunta tivo en conta as achegas dos usuarios nos primeiros días de funcionamento da reestruturación das liñas entre as dúas cidades
― As adaptacións darán resposta ás necesidades dos estudantes de secundaria e FP que realizan viaxes entre Ferrol, Ares, Mugardos, Pontedeume, Miño ou Betanzos
― Restablecerase a circulación por estrada da última frecuencia que sae da Coruña cara a Ferrol de luns a venres ás 22,00 horas
― Desde o 10 de xaneiro aumentáronse 11 expedicións por autoestrada cada día, de luns a venres, un incremento de máis do 35% nas franxas horarias de primeira hora da mañá e da tarde
A Xunta reforzará a partir de mañá os servizos de autobús que atenden as poboacións intermedias da conexión entre A Coruña e Ferrol por estrada.
O obxectivo destas adaptacións é reforzar as comunicacións dos municipios intermedios, tras a activación, o pasado 10 de xaneiro, de 55 novos servizos directos entre A Coruña e Ferrol.
Para implantar os axustes que entrarán en servizo mañá, a Xunta tivo en conta as achegas dos usuarios nos primeiros días de funcionamento da reestruturación das liñas que conectan as dúas cidades.
A información relativa aos novos axustes nos servizos de autobús está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
Melloras
De modo máis detallado, na conexión entre A Coruña e Ferrol, a Xunta restablece a circulación por estrada da última frecuencia que sae da Coruña cara a Ferrol de luns a venres ás 22,00 horas.
Na área de Ferrol, para mellorar os servizos cara a Pontedeume, adáptanse horarios e o percorrido de varias liñas, destacando, entre estes cambios, o do servizo das 08,40 horas que sae de Ferrol cara a Vigo, que adianta a súa saída ás 8:35 e pasa a realizarse por Laraxe (Cabanas).
Con respecto aos horarios, na franxa do mediodía, a expedición das 16,45 horas adiántase ás 15,20 horas, facilitando o regreso dos estudantes da zona de Cabanas, Fene e Pontedeume.
Ademais, a liña que une O Seixo (Mugardos) con Pontedeume amplía o seu itinerario para saír desde a Praza de Galicia, en Ferrol. Este axuste incrementa a conexión por estrada das localidades da área de Ferrol en horarios axeitados ás xornadas lectivas dos institutos.
Entre Ferrol, Ares e Mugardos optimízanse os servizos de primeira hora da mañá coa creación dunha liña circular que permite atender a demanda existente entre os concellos da área de Ferrol para acudir ao IES de Mugardos e mellorar as conexións de ida e volta aos municipios de Ares e Mugardos.
Tamén se crea unha nova liña Pontedeume-Miño-Betanzos, que contará cun servizo ás 15,25 horas para facilitar os traslados principalmente dos estudantes e que posibilita enlazar co autobús directo de Betanzos á Coruña das 16,30 horas.
Outro punto de atracción de demanda sobre o que se recibiron peticións referidas ao transporte público é o polígono industrial de Bergondo. Para atendelas, a Xunta crea unha nova liña circular entre Betanzos e A Coruña na que se incorporan paradas dentro do parque empresarial, con servizos adaptados aos horarios de entrada á primeira hora da mañá.
55 servizos directos máis á semana
Cómpre lembrar que a Xunta reforzou o 10 de xaneiro as conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol, a través da implantación de 55 servizos directos máis á semana.
A este respecto, aumentaron 11 expedicións por autoestrada cada día de luns a venres, un incremento de máis do 35%, nas franxas horarias de primeira hora da mañá e da tarde.
Tamén se reforzou a oferta de servizos ao CHUAC, con 6 novas expedicións directas que incorporan parada no hospital, e tamén aos campus universitarios.
A conexión entre A Coruña e Betanzos dispón agora de máis servizos por autoestrada, algúns dos que realizan o treito entre Ferrol e Betanzos por estrada.