En total, as sete reservas de biosfera declaradas en Galicia disporán de máis de 6,4 millóns de euros procedentes do plan de recuperación da UE para investir nestes espazos
As catro reservas de biosfera galegas que contan con órganos de xestión independentes da Xunta —Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz— tamén poderán optar aos fondos europeos do programa Next Generation reservados para a mellora e posta en valor destes espazos naturais.
Así llo trasladou esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos representantes dos organismos xestores destas catro reservas, cos que mantivo unha xuntanza para anunciarlles que con este obxectivo, o seu departamento convocará proximamente unha orde de axudas por un importe global de 1,85 millóns de euros.
En concreto, explicou que esta liña estará reservada a aquelas reservas de biosfera que non xestiona de forma directa a Xunta e que as actuacións elixibles ao abeiro desta convocatoria —que se fará en réxime de concorrencia competitiva— deberán ir dirixidas á xestión, promoción e xestión destes espazos, podendo cubrir ata o 100% do seu custo.
Así mesmo, no caso dos outros tres espazos galegos amparados baixo esta figura internacional —a Reserva de Biosfera transfronteiriza Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que disporán dunha partida de 1,37 millóns de euros que se canalizarán a través un plan de actuacións no que xa está a traballar a Consellería e que incluirá medidas de impacto nos tres ámbitos.
As sete reservas de biosfera, de calquera xeito, tamén se poderán beneficiar dunha segunda orde de axudas dirixida a concellos e asociacións ou comunidades de montes que promovan accións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, de fomento do desenvolvemento sustentable e da mellora do patrimonio cultural.
En definitiva e tendo en conta as dúas ordes de axudas e o plan de actuacións da Xunta nos tres espazos baixo a súa xestión, Galicia disporá de máis de 6,4 millóns de euros para impulsar actuacións de posta en valor das súas reservas de biosfera, que suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres e representan máis dun terzo da superficie galega.