Friday 22 de November de 2024

González Formoso visita a ponte de Berrimes e pide desculpas á veciñanza polo atraso de máis 2 anos na execución das obras


A alcaldesa de Lousame pídelle á Deputación que continúe coa segunda fase de humanización e mellora da DP4201, así como a ampliación e mellora da estrada de acceso ao Miradoiro da Muralla

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, comprobaron o bo estado no que quedaron as obras de substitución e ampliación da ponte de Berrimes, na DP-4202 Aldeagrande-O Couto. Unhas obras que deron comezo o 29 de abril de 2019 e que, por problemas coas empresas adxudicatarias, foron interrompidas deixando aos veciños e veciñas de Berrimes sen a ponte que os comunicaba coa estrada principal, obrigándoos a dar un rodeo de varios quilómetros ata que se puideron rematar as obras, a finais de 2021.

O presidente provincial explicou que se trataba dunha obra “moi demandada pero que tivo problemas de execución pola relación contractual. Ás veces algunhas empresas actúan irresponsablemente e provocan uns danos aos veciños, que tiveron que soportar o corte da ponte durante meses. Dalgunha maneira, esta visita pretende pedirlles perdón a eles e a elas e, por outra parte, comprobar que é unha ponte que si que lles cambia a vida aos veciños e lles dá un nivel de seguridade viaria moi superior ao que tiñan”.

Pola súa banda, Teresa Villaverde agradeceulle ao presidente “que se pediran desculpas aos veciños, aos que eu tamén quero agradecer a paciencia que tiveron durante dous anos nos que esa empresa non cumpriu coa súa responsabilidade e que hai que tratar de buscar ferramentas administrativas para que ese tipo de empresas non entren. Sei que non é doado”.

Melloras en vías provinciais

Teresa Villaverde aproveitou a presenza do presidente provincial en Lousame para pedirlle dúas actuacións máis no municipio nos próximos meses: a continuidade das obras de ampliación e mellora da DP-4201 e da estrada que dá acceso ao miradoiro da Muralla. “Lousame é eminentemente rural, cun paisaxe marabilloso, patrimonio, xente con moitas oportunidades pero onde dar servizos custa moito. Temos moitas estradas da Deputación e necesitamos que se siga actuando nelas. Temos que ir pouco a pouco e cada ano ir facendo unha discriminación positiva cara concellos como Lousame”, sinalou Villaverde Pais.

Así, a alcaldesa de Lousame lembrou que nunha anterior visita, en outubro de 2017, “o presidente xa amosou a súa vontade de colaborar e xa se fixeron actuacións como a humanización de Aldea Grande. Pero nos queda a seguinte fase porque dende alí vaise ás minas de San Finx e a moitas aldeas ata o Confurco. É unha estrada que nos comunica con Arousa, polo que creo que necesita dunha mellora importante ao igual que a estrada que vai a Muralla, un miradoiro sobre a ría de Arousa e Compostela. A xente atópase cunha vía moi estreita e é un problema”.

Dous anos sen ponte

As obras de ampliación da ponte de Berrimes, na DP-4202 Aldeagrande-O Couto, deron comezo o 29 de abril de 2019 e estaban orzamentadas en 173.402,08 euros. Un par de meses despois, as obras paralizáronse pola quebra da empresa adxudicataria, Nexia Infraestruturas SLU, xusto despois de derrubar a ponte sobre o río Pesqueira, polo que o acceso principal á localidade de Berrimes quedou pechado ata finais de 2021. Mentres tanto, os veciños e veciñas tiveron que acceder ás súas vivendas a través doutros dous accesos viarios alternativos, que supoñían unha distancia adicional de máis de 2 quilómetros.

Tras a quebra da empresa adxudicataria das obras, a Deputación aprobou na sesión plenaria de outubro de 2020 un novo proxecto que ascendía a 181.811,87 e que foi adxudicado en marzo de 2021 á empresa Construccións Cernadas SL, que se encargou de acometer os traballos nos seis meses seguintes. Os traballos permitiron ampliar a plataforma da ponte sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros, así como ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños.

Neste sentido, Valentín González Formoso asegurou que, se miramos a historia, “as primeiras vías que había na provincia da Coruña, todas eran provinciais e a inmensa maioría das pontes son adaptadas a aquela época, onde practicamente non pasaba un coche e eran máis ben carros e persoas. Cambiar esa realidade ten que ser unha prioridade para nós e este era un deses casos nos que o que remata ben, ben feito está”.

Características das obras

De feito, as reducidas dimensións da ponte que atravesaba o rego Pesqueira obrigaban aos viandantes a circular polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada, o cal poñía en risco a súa seguridade; ou empregar a antiga ponte peonil medieval. Para remedialo, a nova ponte conta con beirarrúas de 2,25 metros de ancho en cada marxe, recubertas con baldosa hidráulica, permitindo así cruzar a pé con total seguridade.

Así mesmo, a nova plataforma permitiu executar dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos. As obras financiadas pola Deputación inclúen o acondicionamento da estrada DP 4202, para ampliar gradualmente o ancho da calzada ata alcanzar os 12 metros nas inmediacións da nova ponte. Esta ponte é unha estrutura dun único vano, cos taboleiros formados por dúas vigas en dobre T sobre as que se dispón unha lousa de formigón armado de 25 centímetros de espesor. Así mesmo, formáronse cunetas para evitar a acumulación de auga nos laterais da calzada, e dotouse á ponte dunha sección hidráulica suficiente para facer fronte a grandes cantidades de auga Por último, reforzouse a capa de firme tanto nas inmediacións coma na propia ponte, mediante un fresado de profundidade que permita a incorporación dunha capa de base e outra de rodaxe.

O Concello de Lousame xa actuara previamente nesta zona, se ben a ponte non se acometera daquela porque precisaba dun financiamento e duns permisos especiais, polo que se solicitou á Deputación que o acometera con posterioridade. O presidente da Deputación e a alcaldesa de Lousame estiveron acompañados pola deputada provincial Sandra González; o concelleiro de Obras, Ramón Martínez, e a concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo; así como por técnicos da Deputación Provincial.