Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia as obras na rúa Newton, no polígono de Agrela, para crear sete áreas de aparcadoiro e potenciar as zonas verdes


Os traballos permitirán aumentar o número de prazas de estacionamento na zona

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezou esta semana os traballos de reurbanización e mantemento na rúa Newton, no polígono de Agrela, para aumentar o número de prazas de estacionamento na zona e humanizar a contorna.

Na rúa Newton, unha das arterias principais do polígono, reordenaranse as zonas axardinadas ocupadas indebidamente por vehículos privados que estacionan en áreas verdes. Farase mediante a creación de sete novas áreas de aparcadoiro, baixo a fórmula lousa-céspede. Ademais, manterase a zona de itinerario peonil, seguro e accesible, e abordarase tamén a plantación de ábores na contorna.

As obras plantexadas neste proxecto, orientado á mellora ambiental e da mobilidade no polígono, foron solicitadas pola Asociación de Empresarios de Agrela. O Goberno municipal de Inés Rey cumpre así co obxectivo de avanzar na humanización da zona, onde o Concello acometeu, desde o comezo do mandato actual, un total de oito obras entre o polígono e enclaves próximos conectados a Agrela.

Neste sentido, as de maior envergadura, cun investimento de 166.000 euros, foron as reparacións de pavimento MBC nas rúas Severo Ochoa, Gutenberg e Gambrinus, seguidas polos traballos para a conexión do carril-bici da estrada de Baños de Arteixo coa Sardiñeira e a rúa Cesuras, proxecto ao que se destinaron 148.456,18 euros.

Ademais, o Concello da Coruña renovou o firme da calzada na avenida Severo Ochoa; arranxou as barreiras metálicas na rolda Real Club Deportivo; abordou a mellora e reparación do pavimento na avenida de Fisterra; dotou a Vioño dun aparcadoiro provisional; afrontou os arranxos no aseo e fachadas do Centro Municipal de Empresas do Igrexario; e, por último, acometeu a canalización e a mellora do firme no estacionamento entre o camiño do Bosque e Agrela.