― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o apoio do Goberno galego á proposta que aspira a converter esta zona en Xeoparque Mundial pola Unesco e sumarse como o segundo en Galicia con esta distinción xunto co do Courel
― A iniciativa recibirá 1,5M€ dos fondos Next Generation dentro da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustententabilidade Turística en Destino
― Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na última xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid na presentación organizada pola Deputación da Coruña sobre o proxecto de xeoparque de Cabo Ortegal, no que tamén interviron representantes da asociación de concellos para a xestión do xeoparque.
A Xunta apoia a proposta que aspira a converter esta zona no segundo Xeoparque Mundial da Comunidade —en abril de 2019 foi proclamado o Xeoparque Montañas do Courel— e continuará brindando o seu apoio ata que se coñeza a decisión final da Unesco.
O Goberno galego, como lembrou Alfonso Rueda, tamén apoiou o turismo nesta zona a través do proxecto do Xeoparque Cabo do Ortegal, impulsado pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal e promovido pola Deputación da Coruña no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino. A iniciativa recibirá 1,5 millóns de euros dos fondos Next Generation que forman parte dos asignados a Galicia e destinados ao Plan do Litoral, no que se investirán case 30 millóns para o desenvolvemento turístico da costa galega.
O proxecto do Xeoparque Cabo do Ortegal pretende modernizar e facer máis sostible a oferta turística do territorio que abarca os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño e co obxectivo de reforzar ao mesmo tempo a súa candidatura para ser declarado xeoparque mundial pola Unesco.
O vicepresidente primeiro da Xunta puxo en valor a riqueza xeolóxica desta zona que serve de elemento diferenciador da súa oferta turística, polo que se trata dun escenario ideal para desenvolver o xeoturismo e o turismo de natureza ou o turismo activo e deportivo, mercados que tamén a Xunta apoia para desestacionalizar a oferta.
O proxecto, que inclúe a posta en marcha de novos produtos turísticos e a valorización dos existentes, coincide coa folla de ruta do Goberno galego para deseñar o modelo de turismo do futuro, do que un dos piares fundamentais é a sustentabilidade, así como a aposta por un turismo seguro, de calidade e en contacto coa natureza respectuoso coa contorna.
Alfonso Rueda confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.
Nesta liña, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.
Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.