Saturday 16 de November de 2024

A Xunta ofrece ás entidades de pesca axudas de preto 12.000 euros para actividades divulgativas e de vixilancia fluvial


— Ángeles Vázquez anuncia que o DOG publica hoxe a orde pola que se convocan estes incentivos, dotados con 80.000 euros e que se poden solicitar a partir de mañá

— Invita ás 66 entidades galegas de pesca fluvial a acollerse a esta liña de subvencións, tal e como fixo a asociación de pesca de Santa Comba

— Subliña que grazas ao investimento mobilizado nas anteriores convocatorias, preto de 100.000 euros, xa se concederon 26 axudas

A Xunta ofrece ás entidades colaboradoras de pesca fluvial axudas de case 12.000 euros para levar a cabo accións divulgativas e de vixilancia fluvial.

Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante un encontro para coñecer o labor da Asociación Deportiva de Pesca Santa Comba-Xallas, entidade que ao abeiro das dúas convocatorias anteriores se beneficiou de dúas axudas por un importe global de 3.000 euros.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Orde do actual exercicio, no que se establece un orzamento de 80.000 euros ao que poden acceder as 66 entidades de pesca rexistradas na actualidade en Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, a contar a partir de mañá.

Vázquez Mejuto lembrou que a axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables, establecendo un máximo de 9.360 euros para a vixilancia de tramos de pesca continental e de 2.500 euros para actividades divulgativas ou formativas. Nese sentido, sinalou que grazas ao investimento mobilizado nas anteriores convocatorias, preto de 100.000 euros, xa se concederon 26 axudas.

Explicou que con este tipo de accións se perseguen dous obxectivos concretos: reforzar o control e a protección dos ríos galegos e contribuír á divulgación dunha pesca fluvial máis sustentable, especialmente entre os cativos e os mozos, co que asegurar a necesaria remuda xeracional.

Indicou que este reto tamén está recollido na Lei de pesca continental, que prevé —entre outras medidas— a creación das escolas de río para garantir a remuda pola vía da formación e da sensibilización, dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos; que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña; ou que os menores de idade e os maiores de 65 anos estean exentos de pagar as taxas para a obtención da licenza.