O proxecto estaba tan só á agarda dun informe da Xunta para poder avanzar. A Administración Autonómica aínda achegou onte a documentación preceptiva de Patrimonio
O Goberno municipal levará ao pleno ordinario do mes de febreiro o estudo de detalle da nova residencia para a terceira idade que se construirá en Eirís. A aprobación do estudo de detalle é preceptiva para poder comezar as obras do inmoble.
A aprobación do estudo de detalle estaba pendente unicamente da remisión por parte da Xunta do informe de Patrimonio; o resto das Administracións implicadas en ditos trámites (Concello, Costas do Estado e Axencia Española de Seguridade Aérea) xa tiñan completado os seus informes.
O expediente para o novo estudo de detalle iniciouse en setembro a instancias da Xunta, que cinco meses despois entregou a documentación necesaria para completar os trámites.
O informe de Patrimonio chegou onte a área de Urbanismo do Concello.
O executivo de Inés Rey agarda que, tras a aprobación plenaria, a Xunta leve a cabo a execución dos traballos coa maior celeridade, habida conta de que na cidade hai un gran déficit de prazas públicas en residencias, así como de medios autonómicos para a atención de maiores. Hai 19 anos que a Xunta non abre ningunha residencia para maiores na cidade, e de xestión directa, máis de 30 anos.
A nova residencia, sufragada pola Fundación Amancio Ortega, axudará a mellorar a situación, mais a alcaldesa, Inés Rey, insta á Xunta de Galicia a aumentar o seu investimento en maiores na cidade para evitar que moitos demandantes fiquen obrigados a desprazarse a residencias noutros puntos de Galicia e mesmo queden sen praza e sen alternativas de atención.