Friday 22 de November de 2024

Galicia chega ás 65.000 persoas con dependencia atendidas, 50.000 máis que no ano 2009


— Incrementáronse as horas do Servizo de Axuda no Fogar ata chegar ás máis de 24.000 persoas atendidas, 16 veces máis que hai 13 anos

— Duplicáronse o número de prazas públicas en residencia ata chegar ás 13.000, e reforzouse o programa Xantar na casa para levar comida a máis de 1700 maiores que viven sos

— Nas vindeiras semanas recuperarase o programa de Coidados porta a porta para achegar servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a todos os concellos de Galicia

— O Plan de choque en dependencia permitirá reducir á metade os tempos de agarda, reducir a lista de espera, incrementar o persoal de valoración e establecer alternativas para o recurso que prefire cada persoa

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo balance do sistema de atención á dependencia e sinalou que no mes de decembro a Comunidade chegou ás 65.000 persoas atendidas, o que supón 50.000 máis que no ano 2009. Así mesmo, destacou que esta cifra récord sitúa a Galicia entre as comunidades autónomas que mellor atenden aos seus maiores.

A conselleira realizou este balance durante unha visita á residencia Santa Teresa Jornet da Coruña. Lembrou que despois de 13 anos de traballo, o Goberno galego foi mellorando un a un todos os servizos de atención ás persoas maiores. Neste sentido, afirmou que a Xunta incrementou o Servizo de Axuda no Fogar ata atender a máis de 24.000 persoas, 16 máis que no ano 2009.

Así mesmo, o Goberno galego duplicou o número de prazas públicas en residencia ata chegar ás 13.000, reforzou o programa Xantar na casa para levar comida a máis de 1700 persoas maiores que viven soas e a teleasistencia que actualmente atende a 7.500 fogares galegos. Durante este tempo tamén se puxeron en marcha as casas do maior para ofrecer atención diúrna ás persoas maiores do rural e que na actualidade atenden a 415 persoas a través de 83 centros repartidos por toda a Comunidade.

Fabiola García sinalou que nas próximas semanas tamén se vai recuperar o programa de Coidados porta a porta que recorrerá todos os concellos da Comunidade prestando servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Deste xeito, achegarase estes servizos tamén ás persoas maiores que viven no rural.

Plan de choque
A conselleira subliñou que, malia a todo, é preciso seguir reforzando estes servizos e mellorando a axilidade na atención. Asegurou que os tempos de agarda para o recoñecemento da dependencia seguen sen ser os desexados e, por iso, a Xunta puxo en marcha un plan de choque que suporá a axilización máis importante do servizo nos últimos 16 anos, é dicir, desde que existe. Un plan que permitirá reducir á metade os tempos de agarda, reducir a lista de espera, incrementar o persoal de valoración e establecer alternativas para o recurso que prefire cada persoa.