Saturday 16 de November de 2024

O espectáculo ‘Rock en Familia’ regresa este domingo ao Teatro Colón, na súa única función en toda Galicia e coas localidades xa esgotadas


A función, ideada para que pais, nais, nenos e nenas gocen da experiencia da música en directo, abordará o legado de bandas como AC/DC, Queen e U2, entre moitas outras

Este domingo, 23 de xaneiro, o Teatro Colón viaxará atrás no tempo para achegar ás nenas e aos nenos coruñeses a historia de iconas do rock and roll e o pop como The Beatles, Bon Jovi, Ramones, AC/DC, Kiss, U2, Metallica, Michael Jackson, Led Zeppelin, Nirvana, Aerosmith, Iron Maiden ou Queen, entre outros artistas.

Será grazas ao espectáculo didáctico ‘Rock en Familia: I love rock and roll’, que volve ao Teatro Colón da Coruña na que será a súa única función en toda Galicia. Ideada como unha función educativa de carácter familiar na que grandes e pequenos poderán gozar por igual da experiencia da música en directo, a sesión reforza a aposta do Teatro Colón por transmitir a cultura deste xénero musical ás novas xeracións.

Durante a sesión, que comezará ás 12.30 horas e terá unha duración dunha hora, os contacontos e bandas tributo que integran o espectáculo interpretarán varias das cancións máis relevantes da historia do rock e o pop.

As entradas para asistir este domingo ao evento, un clásico na programación do Teatro Colón, xa están esgotadas.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para os asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas
compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as personas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.