Saturday 16 de November de 2024

A Xunta celebra o Día da Ilustración con homenaxe a Reimundo Patiño e actividades nas bibliotecas


— O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a programación prevista arredor desta data sinalada no Calendario do libro e da lectura de Galicia

— A efeméride, instaurada o 30 de xaneiro en lembranza do nacemento de Castelao, celébrase en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

— Os centros bibliotecarios organizan máis de 20 propostas, con obradoiros, contacontos e mostras

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o programa de actividades previsto nas bibliotecas da Xunta co gallo do Día da ilustración, instaurado o 30 de xaneiro e dedicado este ano ao pintor e debuxante de banda deseñada coruñés Reimundo Patiño. No acto tamén se presentou o cartel conmemorativo desta edición, creado pola ilustradora Paula Mayor.

A presentación contou coa participou de Laura Romero, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), entidade colaboradora na celebración desta efeméride coa que se quere lembrar a data do nacemento de Afonso R. Castelao. Segundo explicou na súa intervención Anxo M. Lorenzo, o obxectivo é “poñer en valor o labor dos profesionais da ilustración na cultura galega” e homenaxear as figuras que contribuíron a “tecer e consolidar a historia desta arte no noso país”.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse ao autor homenaxeado, Reimundo Patiño, como un “auténtico pioneiro da ilustración galega, ao crear xunto a Xaquín Marín o primeiro cómic publicado en Galicia e en galego, 2 Viaxes”. O secretario xeral de Cultra salientou a necesidade de “contribuír á difusión do traballo desenvolvido por este vangardista autodidacta”. Con este motivo “haberá diferentes mostras e actividades arredor da súa vida e obra nas bibliotecas da Xunta, que poden consultarse na web creada con motivo desta celebración https://www.diadailustracion.gal”, engadiu.

Actividades nas catro provincias
Así, avanzou que a exposición central se instalará na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, do 28 de xaneiro ao 10 de maio, co título Reimundo Patiño: O desacougo creador. Neste espazo tamén se celebrará o Día da ilustración o domingo 30, co obradoiro e contacontos Descubre e colorea os seres máxicos galegos, dirixido á rapazada de 5 a 11 anos.

Na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela estará a mostra Reimundo Patiño, contexto e influencia, que poderá visitarse a partir do 24 de xaneiro, e haberá o contacontos ilustrado para cativada de 3 a 8 anos Reimundo Patiño, que terá lugar o sábado 29.

Pola súa banda, a biblioteca Miguel González Garcés da Coruña instalou ata finais deste mes a mostra Darlle cor á biblioteca, unha viaxe pola arte da ilustración cunha selección de volumes ilustrados por artistas de Galicia. Ademais, o público infantil poderá desfrutar co obradoiro creativo de ilustración Laboratorio zoo-ilóxico para nenos e nenas de 6 a 12 anos, o venres 28. Nesa mesma data e para o mesmo colectivo de idade, a Biblioteca Pública de Lugo ofrecerá o obradoiro Contando con imaxes.

En Ourense, a programación da Biblioteca Nós abrangue a exposición de gravados de Paula Rodríguez-Hermida Maléficas e Santas, do que xa houbo un encontro coa autora, e as mostras Os nosos ilustradores e as nosas ilustradoras, con libros ilustrados por artistas de Ourense, e Grandes do cine de animación, con filmes. A maiores, haberá un obradoiro de ilustración para maiores de 14 anos o día 28, e outro de estampación artesá na xornada do 29 para público de sete a 12 anos.

Canto á Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, ademais dunha mostra sobre o libro ilustrado que se poderá visitar ata mediados de febreiro, organiza para a xornada do 28 o contacontos e obradoiro de debuxo De viaxe con Reimundo Patiño, para público familiar.

A Biblioteca Juan Compañel de Vigo ofrece tamén obradoiros para diferentes grupos de idade. Así, o día 29 terán lugar As imaxes contan, para público infantil a partir de catro anos, un obradoiro de banda deseñada para rapazada a partir de seis anos, e outro de técnicas de cómic para persoas de 15 anos en diante. A eles súmase o curso Laboratorio de arte contemporánea para a infancia, o venres 28, e as mostras Premios Andersen da Ilustración e Reimundo Patiño: ilustrar desde as marxes.