Un galardón outorgado polos seguidores de “Destino + Top”, programa de Cadena Local TV, a través de votación popular
O Camiño Inglés foi elixido como terceiro “Destino + Top 2021” polos seguidores do programa de televisión “Destino + Top”, que leva catro anos emitíndose en Cadena Local TV. Un galardón entregado á Asociación de Concellos do Camiño Inglés no marco de FITUR 2022 polos responsables do grupo Cazaventuras de entre os 25 destinos top visitados por toda a xeografía estatal.
Por motivos de axenda, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, escusou a súa presencia en FITUR 2022 para recoller o galardón se ben agradeceu que “a audiencia dun programa centenario, que pode verse en 115 cadeas de televisión de toda España, elixira o Camiño Inglés como un dos tres destinos top a nivel nacional é un orgullo e un acicate para todas as persoas, administracións e empresas que conformamos esta gran familia que é a Asociación de Concellos do Camiño Inglés”
O premio foi entregado por José Manuel Calleja, xerente e fundador do grupo Cazaventuras, e Nagore Martínez, directora de produto, ao deputado provincial Antonio Leira Piñeiro, quen adoita representar á Deputación da Coruña nas asembleas da Asociación. O deputado estivo acompañado no acto por Maite Loureiro, xefa da sección de Turismo da institución provincial. Leira agradeceu o premio destacando o traballo que están a realizar conxuntamente a Deputación da Coruña e a Asociación “para promover Galicia onde comeza esta ruta xacobea, no norte de Inglaterra”.
Do Camiño Inglés, Cazaventuras destacou “aos múltiples atractivos de Ferrol e A Coruña, que son o pórtico á ruta, únense enclaves imprescindibles como Pontedeume ou Betanzos por onde atopamos numerosas pegadas históricas de peregrinacións por esta ruta inglesa do Camiño a Compostela”. Un vídeo protagonizado polos dous “Cazaventuras”, José Manuel Calleja e José Miguel Larrínaga, que se desprazaron ata Galicia para gravar este programa, que abriu a cuarta temporada de “Destino + Top” e foi o terceiro máis votado polos seus seguidores en redes sociais.
O primeiro premio foi para a comarca da Axarquia, a comarca máis oriental da provincia de Málaga da que o público destacou que “segue sendo un dos grandes segredos, con moitísimos recunchos, natureza espectacular e pobos brancos por descubrir”. O segundo posto foi para a capital do País Vasco, Vitoria-Gasteiz. No proceso de selección participaron un total de 25 destinos de toda España, que tiveron que superar dúas roldas de votación.
Este premio xurde do programa “Cazaventuras”, que empezou a emitirse en Bilbao no 2014 e que a día de hoxe cumpriu máis de 100 episodios e conta cunha audiencia de máis de un millón de espectadores a través das canles de Cadena Local TV, unha agrupación de televisións locais de España formado por 115 cadeas asociadas, entre televisións locais e de cable. Neste 2021 puxeron en marcha a iniciativa “Destino + Top”, para distinguir as mellores experiencias de cada ano.