Saturday 16 de November de 2024

O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, Congacode, aprobou o Plan Anual 2022 da Cooperación Galega


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, presidiu a reunión, na que tamén se fixo balance do plan de 2021 que foi executado ao 100%

― No encontro aprobouse ademais a continuidade da Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega e a prórroga do IV Plan Director para o 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se presentou e aprobou sen votos en contra o Plan anual 2022 da Cooperación Galega, que contará cun orzamento de 7,8 millóns de euros, un 5,2% máis que o Plan de 2021.

Neste Plan anual 2022, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que seguirá vixente no ano presente, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de acción humanitaria e de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, así coma a de 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Ademais, no 2022 manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria e tendo en conta o actual contexto da pandemia da covid-19. Nesta liña, está prevista a sinatura de convenios coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e UNICEF entre outras organizacións.

Na reunión tamén se deu conta das actuacións levadas a cabo no marco do Plan anual 2021 da Cooperación galega, que tivo un grao de execución dun 100%, así das actuacións levadas a cabo ao longo do ano por outros departamentos da Xunta de Galicia no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.