― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe nas presentacións do Real Club Celta e o Campionato do Mundo da Clase 6 metros de vela en Sanxenxo
― Sinalou a importancia do deporte para promover Galicia como destino turístico, ademais de posicionar a comunidade como modelo na celebración de competicións de vela a nivel internacional
― Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá a importancia do binomio entre deporte e turismo para promocionar a comunidade galega como destino turístico a través de eventos que incrementan o prestixio da marca Galicia e o seu recoñecemento a nivel internacional.
Así o destacou na Feira Internacional de Turismo (Fitur) nas presentacións do Real Club Celta, Unha ventá ao mundo, e na do Campionato do Mundo da Clase 6 metros do Real Club Náutico de Sanxenxo.
No caso do Real Club Celta, destacou que forma parte do patrimonio da cidade de Vigo e da comunidade galega, ao igual que a natureza ou o Camiño de Santiago. Ademais, indicou que xogadores que forman parte do equipo procedentes doutros países son os mellores embaixadores da hospitalidade dos galegos e galegas e da promoción dos nosos recursos nos seus lugares de orixe. Ao acto acudiu coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
En canto ao Xacobeo 6mR Worlds 2022 indicou que este evento deportivo internacional permite situar a Galicia como referente na organización de competicións de vela a nivel mundial e, ao mesmo tempo, promocionar as Rías Baixas e Galicia, ao supoñer un importante reclamo turístico a través da fusión do deporte e o turismo.
Do 10 ao 18 de xuño, Sanxenxo converterase en epicentro mundial da vela ao acoller o Campionato do Mundo da clase 6 metros, o Xacobeo 6m Worlds, que a Xunta patrocina a través do Xacobeo 21-22. Culminarán así 3 anos de probas de primeiro nivel no concello tras o Campionato de España de 6 metros, Trofeo Xacobeo 21, en novembro de 2020, e o Campionato de Europa desta categoría en xuño do ano pasado.
Alfonso Rueda confía en que Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece neste Dobre Ano Santo e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.
Nesta liña, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.
Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.