Saturday 16 de November de 2024

Recollidas arredor de 140 toneladas de residuos nos diferentes formatos de punto limpo existentes na Pobra


O punto limpo situado no polígono da Tomada rexistrou no pasado exercicio 139 toneladas de residuos, mestres que no 2020 foron 118 toneladas. Segundo informa a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), a madeira supón a maior parte do peso, seguida dos entullos, chatarra, televisións e monitores, aparellos eléctricos, utensilios de frío e voluminosos. Cómpre lembrar que esta instalación é un lugar onde levar gratuitamente os nomeados desperdicios, en horario de 10.00 a 13.00 horas, de luns a sábado. Ademais, existe un servizo de recollida de voluminosos en puntos próximos aos domicilios mediante un aviso previo no teléfono de contacto 981871808.

Así mesmo, o Concello implantou un sistema de reciclaxe complementario aos existentes: un punto limpo móbil. Trátase dun colector de residuos de pequeno formato, previsto para o seu traslado pola vía pública, e que conta con varios espazos independentes de introdución e almacenaxe de residuos: cartuchos de impresora; aerosois; pilas (convencionais, alcalinas, botón e baterías); teléfonos móbiles; produtos electrónicos tipo RAEE (cargadores de móbiles, auriculares etcétera); CD, DVD e cintas de vídeo; lámpadas de baixo consumo; xoguetes de plástico; e pequenos electrodomésticos. Dende a súa posta en marcha en xullo do 2021, recolléronse un total de 422’25 quilogramos, representando os aparellos electrónicos e eléctricos a maior parte do peso, sucedéndolle as pilas, lámpadas de baixo consumo, obxectos plásticos e aerosois.

Indicar que as rutas e frecuencias deste servizo distribúense do seguinte xeito: O Maño, no Alto de Cabío (na primeira semana de cada mes); A Ribeiriña, no parque onda a antiga fábrica de fariña (segunda semana); Santo Isidro, onda o bar (terceira semana); e O Colo de Arca (cuarta semana). Permanece así un total de sete días por localización.

Doutra banda, atópanse os dous minipuntos limpos urbanos situados fronte á casa consistorial e na praza do Emigrante. Consisten en estruturas verticais con diferentes apartados, onde se especifica a que están destinados cada un. Rexistraron durante o pasado exercicio 1.024 quilogramos de refugallos -cifra similar á do 2020-, constituídos principalmente por pilas e baterías de móbiles, seguidas dos RAEE de pequeno tamaño, as lámpadas de baixo consumo, os CD e DVD, os teléfonos móbiles e os cartuchos de impresora. Como novidade, actualmente admítense neste sistema de recollida selectiva as cápsulas de café que están compostas de aluminio e plástico.