Saturday 16 de November de 2024

Aberto o prazo de solicitude das axudas para rehabilitación en San Vicente de Elviña e Os Mariñeiros


Os interesados teñen dous meses de prazo para presentar as solicitudes para acceder a unhas subvencións que chegan ata os 30.000 euros e contan cun orzamento de 1,1 millóns de euros

O Concello aprobou desde novembro plans de rehabilitación por 2,4 millóns, con axudas tamén para as Casas de Franco e grupo de vivendas María Pita

O Concello abre mañá o prazo para solicitude de axudas á rehabilitación de vivendas en Áreas de Rexeneración e Renovación Urbanas (ARRU). As subvencións estarán destinadas a inmobles dos núcleos de San Vicente de Elviña e Os Mariñeiros. As persoas interesadas en acceder a ditas axudas teñen dous meses de prazo para presentar a documentación precisa.

O importe total para as axudas ascende a 1.155.192,55 euros, dos que 1.049.659,08 euros van destinados ao ARRU dos Mariñeiros, mentres que 105.443,47 irán para o ARRU de San Vicente de Elviña.

Esta convocatoria ten como obxectivo promover as obras de rehabilitación previstas no Plan Estatal de Vivenda, a realizar durante o ano 2022 nos ámbitos declarados como Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana. As actuacións subvencionables son a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente.

O executivo de Inés Rey incrementou o importe subvencionable por unidade familiar, que anteriormente era dun máximo de 12.000 euros. O novo límite é de 22.000 euros, con posibilidade de chegar aos 30.000 euros en determinados casos.

Con esta convocatoria, a Concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade suma, desde novembro, 2,5 millóns de euros en axudas públicas para promover a rehabilitación na cidade, tamén no ámbito privado, na liña marcada pola alcaldesa de impulso á recuperación do patrimonio histórico local.