Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Galicia destina máis de 1,5 millóns de euros a renovar o equipamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil dos concellos da provincia da Coruña


Ata 55 municipios coruñeses presentaron as súa solicitude para optar ao distinto material, que vai desde vehículos pick up, furgonetas de loxística, espalladoras de sal, lanchas pneumáticas ou remolques con tendas de campaña

Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, destinará 1,56 millóns de euros á renovar o equipamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil dependentes dos concellos na provincia da Coruña para a súa utilización en programas de prevención de riscos e primeiras intervencións en emerxencias. Así o anunciou esta mañá o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, que, xunto a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ofreceu unha rolda de prensa para dar conta deste investimento, que en toda Galicia superará os 4,5 millóns de euros, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Segundo indicou Menor, nas vindeiras semanas completarase o reparto do novo material, que consta de vehículos pick up, furgonetas de loxística e traslado de persoal, remolques equipados con material básico de atención ás emerxencias, espalladoras de sal, lanchas pneumáticas e remolques con tendas de campaña. En total, o departamento autonómico recibiu solicitudes de 55 concellos coruñeses. Neste senso, cabe aclarar que a adquisición do distinto equipamento fíxose despois de manter diversas reunións de traballo coas asociacións provinciais de voluntarios para coñecer de primeira man as súas necesidades máis urxentes e acordar un sistema de reparto adecuado, polo que se tratará de atender practicamente todas as peticións.

Equipamento Total orzamento
Vehículo pick up (10)

1.560.283 euros
Furgonetas (17)
Remolques (18)
Embarcacións (8)
Espalladoras de sal (4)
Tendas de campaña (8)

“Desde a Dirección Xeral de Emerxencias somos moi conscientes da importancia que teñen os voluntarios de Protección Civil na nosa comunidade, pois teñen un papel destacado na atención das emerxencias, en funcións de primeira atención e apoio á labor que desempeñan os corpos profesionais”, indicou Menor.

Increméntase o material de traballo para os GES
Ademais da adquisición de material para as agrupacións de Protección Civil, o departamento autonómico tamén levou a cabo a compra de novo equipamento para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), creados o ano pasado. Así, esta mañá levouse a cabo na sede da Delegación Territorial da Xunta na Coruña o reparto de detectores de gases tóxicos e atmosferas explosivas que poidan xerarse no transcurso dunha emerxencia aos representantes dos sete GES da provincia: Brión, Curtis, Mugardos, Muros, Padrón, Ponteceso e Ortigueira.