― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, dou conta hoxe no Parlamento galego das viaxes oficiais das autoridades autonómicas fóra de Galicia e dos contactos institucionais mantidos con representantes de organización internacionais, da UE e doutros Estados
― A Xunta defendeu a utilidade da acción exterior para a recuperación da pandemia a través da captación de recursos europeos, no eido do cambio climático ou na dixitalización, do turismo ou do sector empresarial exterior, que mantén as exportacións por riba dos 20.000M€
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das viaxes oficiais das autoridades autonómicas fóra de Galicia e das recepcións de autoridades foráneas, dúas facetas concretas da acción exterior galega. A comparecencia tivo lugar por primeira vez ao abeiro da nova Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que marca un antes e un despois na acción exterior da comunidade, máis intensamente coa pandemia e o impacto da covid-19.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE sinalou que a acción exterior galega durante o ano pasado estivo marcada pola pandemia do coronavirus. Neste sentido, salientou a necesidade de que Galicia siga apostando polo sector empresarial no exterior, subliñando que Galicia ten un PIB superior á media nacional grazas as exportacións, e que vai polo quinto ano consecutivo coas súas exportacións por riba dos 20.000 millóns de euros. Asemade, Jesús Gamallo recordou que, a pesar dos bos datos en exportacións, é preciso diversificar os mercados empresariais no sector exterior, mais alá do mercado europeo.
Nas relacións co Norte de Portugal e a lusofonía, no 2021 a Xunta seguiu traballando conxuntamente con Portugal na promoción do Xacobeo 21-22, no eixo atlántico ferroviario, para evitar peches adicionais das fronteiras.
Por último, no relacionado co turismo, o director xeral reforzou a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade sinalando que nestes once meses Galicia recibiu máis de 3,5 millóns de viaxeiros e rexistrou preto de 8 millóns de noites. O Camiño de Santiago superou tódalas expectativas con 180.000 Compostelas fronte ás 140.000 previstas.
Estratexia de Acción Exterior (EGAEX) 2022-2026
A nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2022-2026, actualmente en elaboración, será o instrumento que terá Galicia a partir da xa aprobada Lei de Acción Exterior 2021 para afrontar a súa presencia no exterior. Ten como eixos fundamentais Portugal e os países da lusofonía, Europa e a UE, o ámbito relativo a Cooperación para o Desenvolvemento, entre outros aspectos. Esta nova EGAEX servirá, por exemplo, para poder afrontar con maior éxito os desafíos da pandemia actual ou a asunción dos fondos comunitarios.
Ademais de membros representantes da Xunta de Galicia, forman parte do Consello de Acción Exterior (CAEX) o Consello da Cultura Galega, a FEGAMP, os representantes dos empresarios, das organizacións sindicais, das ONGDs e das universidades.