Friday 22 de November de 2024

Comezan as obras de urbanización de Xuxán, que dotarán ao barrio de parques, prazas, mobiliario urbano, espazos deportivos, novos accesos e 1.800 árbores en rúas e xardíns


Os traballos, cun prazo de execución máximo de 18 meses, suporán un investimento superior aos 11,6 millóns de euros

As obras de urbanización de Xuxán, o antigo Ofimático, comezan hoxe no barrio cun investimento superior aos 11,6 millóns de euros, un dos máis elevados do mandato. O Concello adxudicou os traballos o pasado mes de decembro, traballos que contan cun prazo máximo de execución de 18 meses e que suporán a transformación completa do novo barrio, que contará con todos os servizos propios dunha área urbana e amplas zonas verdes.

“O Concello leva investidos desde xuño do 2019 máis de 38 millóns de euros en toda a cidade, as obras de Xuxán que agora poñemos en marcha referendan a aposta do Goberno local pola mellora dos barrios”, indicou a alcaldesa, Inés Rey, que destacou a calidade urbana do proxecto, que non só mellorará o ornato do polígono, senón que mellorará as súas conexións coa súa contorna. Así, o proxecto contempla a conexión con Matogrande mediante pasos xemelgos simétricos que desembocarán na rúa Juan Díaz Porlier. Ademais, executaranse os ramais de acceso á AC-10, glorietas, e unha conexión peonil provisional con Alfonso Molina.

As obras suporán a pavimentación de todos os viais pendentes e a construción dun carril bici que chegará e percorrerá a praza central. Instalaranse papeleiras, fontes e bancos repartidos nas distintas vías e prazas, e executarase tamén unha nova pista dunha vía de uso deportivo para a práctica do atletismo.

Os traballos inclúen a instalación de catro zonas de xogos e biosaudables, dúas delas na praza central, con 538 metros cadrados cada unha delas, e outras dúas nos laterais, de 216 metros cadrados en cada caso.

Ademais, Xuxán contará con amplas zonas verdes que tamén forman parte dos traballos previstos. Así, instalaranse pantallas vexetais para reducir o impacto visual de Alfonso Molina e crearanse zonas axardinadas con céspede e arboredo. Está prevista a plantación de 1.800 árbores de distintas especies na superficie do polígono.

As obras complétanse coa canalización dos distintos servizos e con reforzo de terrapléns e estruturas de seguridade na contorna das vías do ferrocarril.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta semana cos cooperativistas e coa asociación de promotores de Xuxán para explicarlles os detalles das obras previstas.

“Os traballos que comezan hoxe en Xuxán permitirán, por fin, que o que ata agora era un
polígono pase a se converter nun barrio máis desta cidade”, explicou Inés Rey.