— O delegado territorial da Xunta participou na presentación de “Barbanza Arousa, experiencias na Orixe da tradición xacobea”, organizada polo xeodestino Barbanza- Arousa
— Trenor destacou que Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como un destino aberto e seguro tendo como eixo central o Xacobeo
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta tarde, na ponencia “Barbanza Arousa, experiencias na Orixe da tradición xacobea”, dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo na 42 edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde hoxe mércores.
O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como destino aberto e seguro ao turismo interno, nacional e internacional e tendo como eixo central o Xacobeo” Neste senso, apuntou que “en todas as nosas propostas conflúen os valores tradicionais da oferta turística galega coa imaxe dunha Galicia nova en constante transformación, co Camiño de Santiago como principal atractivo turístico”.
Concretamente, subliñou, “afrontamos o segundo ano do Xacobeo despois de demostrar no 2021 cunha idea clara que calou entre os visitantes que Galicia era un destino seguro e iso levounos a bater records no que á recuperación do sector refírese a pesar da pandemia”.
O representante do Goberno autonómico puxo en valor “o excelente traballo do xeodestino de Barbanza Arousa para achegarlle ao peregrino unha alternativa ao roteiro Mar de Arousa e Río Ulla de forma terrestre, ofrecendo aos visitantes a posibilidade de realizar a ruta A Orixe. Neste senso, apuntou que “a posta en valor deste roteiro non foi un camiño fácil e felicitou a todas a entidades e aos alcades deste xeodestino polo seu traballo, bo facer e excelentes resultados que contribuirán decididamente no proceso de reactivación e recuperación dos viaxeiros, que valoran produtos turísticos como os que se ofertan neste destino, baseados na natureza, o contacto coa poboación local e a calidade”.
Trenor rematou a súa intervención subliñando que “a colaboración entre administracións e o sector turístico sitúanos no camiño correcto para fortalecer a marca turística do Barbanza como parte esencial da marca Destino Galicia” e apuntou que “para lograr este obxectivo esta mancomunidade conta coa Xunta de Galicia”.