Friday 22 de November de 2024

Uns 500 maiores de Val do Dubra participan na inauguración do Centro de Encontro de Maiores


Arredor de 500 maiores das diferentes parroquias do Concello de Val do Dubra pasaron durante toda a tarde polo novo Centro de Encontro de Maiores. Poideron disfrutar de música e contacontos. Tamén participaron en xogos de mesa e conversaron.
O maiores de Val do Dubra xa poden disfrutar dun lugar de reunión e encontro que xa ofrece unha serie de servizos especializados que permite mellorar a súa calidade de vida. O novo servizo está ubicado nas instalacións do Centro de Formación, ao lado da igrexa parroquial de Bembribre, na rúa Corredoira, que une o Campo da Feira co núcleo urbano de Bembibre.
O alcalde do Concello de Val do Dubra, Ramón Varela, dirixiu unha palabras aos presentes. Agradeceu a participación dos maiores e manifestou que é unha franxa de poboación que require unha atención preferente por parte dos servizos do Concello. “Eu como médico teño moitos vínculos cos maiores, e a súa idade merecen toda a nosa atención e dedicación”, apuntou o alcalde, quen lembrou que este novo proxecto debe servir de lugar de encontró e reunión. “Non deixen de acudir porque é como se fose a súa casa”, dixo aos presentes.
O Centro de Encontro de Maiores, que terá un horario de tarde (dende as 16.00 ata as 20.00 horas) de luns a sábado, ofrece unha serie de servizos como estimulación cognitiva, manualidades, informática e novas tecnoloxías, xeronto-ximnasia, podoloxía, quiromasaxe, lectura de prensa, sesións de cine, xogos de mesa e baile, entre outras actividades. Os maiores serán atendidos por educadores sociais especializados. Os servizos non terán coste para os seus usuarios.