A alcaldesa de Moeche e os rexedores de San Sadurniño e Cerdido reuníronse esta mañá para empezar a definir proxectos de interese para os tres municipios susceptibles de obter finanzamento no marco dos convenios de transición xusta postos en marcha polo Estado para compensar o impacto socioeconómico do peche de centrais nucleares ou térmicas, como é o caso da das Pontes. A xuntanza de hoxe foi unha primeira toma de contacto entre os consistorios para establecer unha estratexia común á que logo se lle dará forma con propostas máis detalladas e xa cuantificadas que se reunirán nun único documento co que concorrer á convocatoria. As principais son o impulso ás infraestuturas turísticas relacionadas cos recursos do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal no ámbito dos tres concellos, pero tamén levar a cabo actuacións compartidas no tocante a servizos básicos.
No encontro presidido por Beatriz Bascoy, Secundino García e Benigno Galego tamén participaron a concelleira de desenvolvemento local de Moeche, Cristina García, e o técnico desta área en San Sadurniño, Ignacio Fernández, ademais da consultora GoodLife que se encargará de sistematizar e dárlles forma ás propostas que logo se trasladarán á solicitude.
Os denominados Convenios de Transición Xusta oriéntanse á reactivación económica e sustentable daquelas zonas afectadas polo peche de centrais de carbón ou nucleares e, neste sentido, os 14 concellos do ámbito de influencia da térmica das Pontes -11 do norte da provincia da Coruña e 3 de Lugo- poderán acollerse a unha primeira convocatoria lanzada a finais de decembro polo Ministerio para a Transición Ecolóxica aproveitando os fondos Next Generation.
O orzamento global para todo o Estado son 91 millóns de euros, que se distribuirán en réxime de concorrencia competitiva -seguindo criterios de avaliación concretos- entre aquelas iniciativas mellor puntuadas que poidan propor os 184 municipios españois incluídos nos procesos de transición xusta.
As achegas poden cubrir o 100% dos investimentos e as actuacións elixibles han de axustarse a unha grande epígrafe denominada “infraestruturas sociais, dixitais e medioambientais”, dentro da que hai cabida para múltiples proxectos, entre eles os relacionados con equipamentos sociais; os necesarios para a prestación de servizos públicos; os que faciliten o emprendemento, a formación ou a transformación dixital ou os que se centren no desenvolvemento turístico e a posta en valor do patrimonio natural.
Os concellos disporán de 60 días para presentaren as súas propostas unha vez que o ministerio active a plataforma de solicitude. Ese rexistro virtual non entrou en funcionamento por agora, pero os municipios xa están empezando a darlle forma ás ideas que incluirán nas súas peticións.
No caso de Moeche, San Sadurniño e Cerdido hoxe puxéronse enriba da mesa varias posibilidades co obxectivo de postulalas de maneira conxunta. Entre as ideas que se afinarán nun próximo encontro están a de reforzar as infraestruturas turísticas e o patrimonio natural e xeolóxico vinculado ao Xeoparque do Cabo Ortegal, por ser os tres municipios os que compoñen a parte interior do seu ámbito, moito menos coñecida que a parte costeira. Un segundo grande apartado refírese á mellora de servizos básicos, como por exemplo a implementación do equipamento orientado á recollida selectiva do lixo ante a inminente chegada do colector marrón dos resíduos orgánicos.
Segundo comentaba esta mañá a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, a fórmula de colaboración “entre concellos pequenos” ampliaría as posibilidades de obter finanzamento para as accións que se pretenden levar a cabo. “Presentar proxectos entre varios municipios é algo que se valorará á hora de asignar os fondos. Ademais ten toda a lóxica que non unamos por ser os tres territorios limítrofes, por ter unha estrutura social e económica similar e por compartir obxectivos e necesidades comúns”, apunta a rexedora.
Pola súa banda Secundino García sinalou que no caso das propostas asociadas ao proxecto do xeoparque “ser xa unha das dúas candidaturas oficiais por parte do Estado Español perante a UNESCO é un factor que o Ministerio de Transición Ecolóxica debería ter en conta na súa valoración”. García engadiu, ademais, que os argumentos e estratexias para que o territorio obteña o distintivo internacional “coinciden plenamente cos obxectivos desta convocatoria para a transición xusta, as actuacións que queremos propoñer encaixan perfectamente e poden contribuír a dinamizar a nosa zona”.
Tanto o alcalde de San Sadurniño como a rexedora de Moeche puntualizaron, por último, que as accións concretas que se trasladarán finalmente ao proxecto “temos que definilas e cuantificalas. Teñen que ser propostas realistas e cunha xestión posterior que sexa asumible”.
Á primeira reunión de traballo entre Cerdido, Moeche e San Sadurniño tamén asistiron representantes de GoodLife Consultores, co obxectivo de que a empresa ofreza apoio técnico na redacción do proxecto final co que os tres municipios concorrerán conxuntamente á primeira convocatoria de axudas dos Convenios de Transición Xusta.