― O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a concesión das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para a realización de programas de interese xeral para fins sociais
― Entre as propostas que reciben apoio destacan iniciativas de capacitación laboral e participación activa de mulleres no ámbito rural, e de tratamento da súa saúde
― O Goberno galego inviste ata 51.000 euros nos diferentes programas
― Desde 2018, destináronse a esta liña máis de 2,3 millóns de euros e se contribuíu ao desenvolvemento de 122 actuacións dirixidas a mulleres
A O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a concesión de axudas destinadas a apoiar a financiación de 35 programas de carácter social promovidos por asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loitar contra a violencia de xénero. Os apoios, cun importe total próximo aos 742.000 euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto da Renda de Persoas Físicas (IRPF) que correspondeu a Galicia en 2021, permitirán a posta en marcha na Comunidade de actuacións específicas dirixidas a mulleres vulnerables por condicións de saúde, económicas, de discapacidade, de violencia de xénero, de minoría ou de trata.
A convocatoria, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Emprego e Igualdade, adxudicou contías ás entidades sociais que van dos 10.405 euros a un máximo de 51.247 euros para o desenvolvemento das súas actuacións. Este ano ademais bateu o récord en canto a iniciativas apoiadas (35) e o importe concedido (741.945€). Desde 2018, a Xunta destinou un investimento superior aos 2,3 millóns de euros a 122 programas.
Na presente edición destaca a importante presenza, entre as iniciativas seleccionadas, de programas de información e formación para o liderado e participación activa das mulleres en situación de vulnerabilidade; para o emprendemento e autoemprego feminino no eido rural, a formación e a mellora da capacitación laboral; e actuacións que poñen o foco no tratamento da saúde integral das mulleres e/ou na súa sexualidade.
Cerca do 46% dos programas que reciben financiación teñen como un dos seus eixos apoiar á muller rural, con propostas de capacitación para mulleres xordas deses núcleos, de promoción do autoemprego e de potenciación do liderado e a participación activa feminina nestas contornas. Case o 26% dos apoios concedidos diríxense, por outra parte, a programas de promoción da saúde integral da muller. Tres das iniciativas apostan polas vítimas da violencia de xénero, por medio de medidas de acollemento, tratamento integral e de protección para estas mulleres e os seus fillos e fillas.
A Xunta apoia grazas a esta iniciativa a trinta e cinco entidades con cadansúas propostas cun eixo común: contribuír nos seus respectivos ámbitos á loita pola igualdade de oportunidades. Entre as organizacións beneficiarias na convocatoria, atópanse algunhas das principais entidades representativas das persoas con discapacidade en Galicia ou que traballan con mulleres en risco de exclusión social, migrantes, mulleres rurais e institucións que promoven o empoderamento e a inserción laboral feminina.
Constan na listaxe de beneficiarias Cáritas Diocesana, Cruz Vermella, Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPX), Fundación contra el Hambre, Fundación Anar, Cogami, ACCEM, Ecos do Sur, Fundación Érguete, Asociación Española contra el Cáncer, Asociación de axuda ao enfermo mental da Mariña, Médicos del Mundo, Fundación Ronsel, Asociación Bumei de mulleres en igualdade da provincia de Lugo, Fundación Secretariado Gitano, Radio Ecca, Fundación Amigos de Galicia, Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector, Red Araña de entidades polo emprego, Fundación Solidaridad Amaranta, Agrupación de entidades rurais Terra e Xente do Viso, Valoresc Innovation, Fademur, Fundación Amigó, Mestura, Fundación Juan Soñador, Alar Galicia, Down Vigo, Asociación de Mulleres Rurais de Galicia, Asociación Antonio Noche, Apetamcor, Adicam, Viraventos e a organización non gobernamental de desenvolvemento Fiet.