— En base a este contrato, que se prevé asinar nas vindeiras semanas, a operadora encargarse da xestión a partir do próximo 1 de febreiro por un período de 10 anos
— Coa enerxía producida no complexo medio ambiental poderían abastecerse ao 12% dos fogares galegos
— A operativa levarase a cabo en todo momento baixo a consigna de máxima eficiencia, menor gasto de recursos externos e escrupuloso coidado ambiental
A Xunta de Galicia adxudicou, por 238 millóns de euros, a xestión das plantas do Complexo medioambiental de Sogama que interveñen na valorización enerxética da fracción non reciclable.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da UTE adxudicataria deste contrato —Sociedad Gallega de Polímeros, S.A- SETEC Building, S.L.U-Espina Obras Hidráulicas, S.A— para o servizo de xestión integral das plantas de coxeración e de termoeléctrica, ademais de instalacións comúns do Complexo.
O obxectivo é garantir, conforme ás directrices europeas, a valorización enerxética da parte non reciclable contida nos residuos, evitando a súa vertedura. De non operar estas plantas, os refugallos non recuperables a través da reciclaxe, acabarían en vertedoiro, a última opción contemplada na xestión xerarquizada de residuos que promulga a Unión Europea debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde das persoas.
No sistema Sogama, a parte non reciclable ou resto acondiciónase en forma dun combustible derivado de residuos (CDR) coa axuda da planta de coxeración, que produce a calor necesaria para o secado desta fracción. Este CDR alimenta posteriormente unha planta termoeléctrica que xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
A través deste contrato, a adxudicataria encargarase na próximos 10 anos do mantemento deste servizo. A razón que xustifica este acordo de larga duración é que propicia unha explotación responsable e sostible no tempo das distintas infraestruturas, coa particularidade de que a operación é de elevada complexidade técnica.
O contrato contempla as seguintes tarefas: valorización enerxética dos descartes procedentes da planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa; operación e mantemento dos motores da planta de coxeración e dos vasos dos depósitos inertes e cinza; depuración das augas residuais e lixiviados orixinados nas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental; mantemento e limpeza de captación de auga, rede de auga, rede de pluviais e rede de contraincendios e lixiviados; ademais da xestión integral do almacén de repostos.
En sintonía co Pacto Verde da UE
En liña co Pacto Verde da Unión Europea, onde a dixitalización cobra un papel protagonista en beneficio do medio ambiente, o novo contrato permitirá aplicar un desenvolvemento tecnolóxico de vangarda, con equipos robotizados que incorporan intelixencia artificial para avanzar na seguridade e no comportamento ambiental sostible das instalacións.
Entre as actuacións previstas destacan a instalación de cámaras termográficas con sistemas de infravermellos 2D para o control da combustión no fogar das caldeiras da planta termoeléctrica, así como a optimización do rendemento eléctrico, incluíndo a dixitalización de instrumentos e a instalación de sistemas de medición e monitoraxe en liña con acceso remoto en tempo real.
O proxecto, deseñado integramente polo departamento de enxeñería do grupo adxudicatario, incorpora melloras altamente tecnificadas para reducir ao máximo o impacto da actividade industrial sobre a contorna, asegurar os procedementos in situ e incrementar a eficiencia no proceso de produción de enerxía eléctrica a partir dos residuos non reciclables.
A aplicación das novas medidas e melloras permitirán consolidar a Sogama como modelo de tratamento de residuos urbanos punteiro en Europa, á vez que garantirá, non só o cumprimento dos estritos requirimentos normativos actuais, tal e como se veu facendo ata o de agora, senón tamén os futuros, tanto a nivel nacional como comunitario.
Desta forma, Galicia, a través da xestión sostible dos residuos, contribuirá á transición xusta e integradora da Unión Europea mediante a aplicación de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente e o apoio á innovación industrial. Con iso pretende dar resposta a nova estratexia de crecemento para a UE, que ten por obxecto situar a Europa na senda da transformación cara a unha sociedade climaticamente neutra, equitativa e próspera, cunha economía moderna e competitiva que utilice de maneira eficiente os recursos.