O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá as instalacións do centro, situadas en Culleredo
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o centro de día da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco), na que a Xunta de Galicia vén de crear 10 novas prazas públicas especializadas de atención a persoas con dano cerebral adquirido. A Consellería de Política Social achegou para este fin 147.000 euros neste ano 2022.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade destacou a importancia que teñen estes centros para as persoas con discapacidade, pero tamén para as súas familias, que grazas a eles son capaces de mellorar e conciliar a súa vida persoal e profesional.
Fernando González Abeijón fixo fincapé no gran labor que está a realizar Adaceco con estas persoas, proporcionándolles diariamente os mellores coidados integrais a través de servizos de logopedia, terapia ocupacional, transporte adaptado e obradoiros de comunicación social, entre outros.