Friday 22 de November de 2024

O Concello situará a escultura do can guía de Catro Camiños nun novo enclave do barrio, accesible para as persoas invidentes


O monumento, que tamén lle rende homenaxe a Valentín Losada, primeiro invidente da cidade en contar cun animal auxiliar de mobilidade, foi inaugurado no ano 1991

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, rematará a finais desta semana os traballos de recolocación da escultura do can guía situada no barrio de Catro Camiños, inaugurada en 1991.

A estatua, obra do escultor galego Eduardo Rodríguez Osorio (Chantada, 1920), representa o primeiro can guía da cidade e tamén o primeiro invidente da Coruña en contar coa asistencia dun animal auxiliar de mobilidade, Valentín Losada. Ata a actualidade, o monumento estaba localizado nun pequeno xardín próximo a un paso de peóns no sector oeste da praza de Catro Camiños. Porén, e dada a vexetación da contorna e a dificultade para acceder a ela, o Goberno local decidiu trasladala a un novo enclave, na beirarrúa de confluencia entre as rúas Alexandre Bóveda e Fernández Latorre, e nunha localización máis visible e accesible para as persoas invidentes.

Desta forma, e atendendo a petición do Club de Leones de A Coruña, que executa numerosas actividades con invidentes cada ano, o monumento do can guía será trasladado esta semana aínda que continuará presente no barrio de Catro Camiños, onde seguirá exercendo como un reclamo para impulsar as políticas de concienciación coa accesibilidade.