Saturday 16 de November de 2024

Feijóo destana a fábrica de fibras téxtiles como un proxecto “determinante” para Galicia, o futuro da moda sostible e para o sector da madeira


Incide na importancia de acertar con proxectos tractores que melloren a competitividade da nosa economía, o tecido industrial instalado e que nos anticipe ao futuro económico mundial

Reitera a necesidade dun PERTE específico para o sector da moda co fin de afrontar con éxito os desafíos futuros desta industria

Resalta que Galicia conta con 500 marcas de téxtil, dando emprego a 28.000 persoas e cunha facturación de 30.000 millóns de euros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a fábrica de fibras téxtiles como un proxecto “determinante” para Galicia, o futuro da moda sostible e para o sector da madeira, ao producir ata 200.000 toneladas anuais de fibras téxtiles.

“Estamos a falar dun proxecto que opta aos fondos europeos Next Generation e que, cun investimento de 800 millóns de euros, tería capacidade para xerar 1.500 empregos directos e abastecer de materia prima ao sector téxtil”, recordou, incidindo na importancia de acertar con proxectos tractores que melloren a competitividade da nosa economía, o tecido industrial instalado “e que nos anticipe ao futuro económico mundial”.

Nesta mesma liña, durante unha visita en Bergondo ás novas instalacións da empresa de moda infantil Nanos, Feijóo reiterou tamén a necesidade dun PERTE específico para o sector da moda co fin de afrontar con éxito os desafíos futuros desta industria.

Logo de recordar que Galicia conta con 500 marcas de téxtil, dando emprego a 28.000 persoas e cunha facturación de 30.000 millóns de euros –“só ata outubro do ano pasado exportamos no ámbito desta industria 4.800 millóns de euros”-, Feijóo puxo en valor a traxectoria de Nanos, que, creada en 1963, conta na actualidade cunha trintena de puntos de venda e sete franquicias, converténdose nun emblema internacional da moda infantil. “Unha marca, en definitiva, que proxecta o que Galicia sabe facer: calidade, deseño e comercialización”, concluíu.