Friday 22 de November de 2024

O Concello reforza os equipos de vixilancia e control de tráfico da Policía Local con drons e novos medios tecnolóxicos de vangarda


O novo sistema ‘Control-Car’, acoplado a un vehículo policial recentemente adquirido, comezará a operar a vindeira semana en zonas da cidade con maior demanda de intervención policial no relativo á circulación rodada

O Goberno municipal presentou este luns, 17 de xaneiro, os novos equipos tecnolóxicos de última xeración que reforzarán á Policía Local, equipos nos que o Concello da Coruña executou un investimento superior aos 100.000 euros coa finalidade de dotar de máis medios de vixilancia e prevención á Unidade de Tráfico e á Unidade de Convivencia e Seguridade. Ademais, a maiores da partida xa referida, a Policía Local adquiriu dous novos vehículos de control, adscritos á Sección de Disciplina Vial.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego; o director da área de Seguridade Cidadá no Concello, Carlos Touriñán; e o inspector principal da Policía Local da Coruña, José Manuel Rico, detallaron na praza de María Pita as funcións dos equipos e dispositivos adquiridos.

Destaca o novo sistema ‘Control-Car’, que substituirá ao vehículo de vixilancia integral (AVI), e pode ser instalado e incorporado a calquera vehículo policial, aínda que será acoplado nun automóbil recentemente adquirido, con distintivos policiais e adscrito á Sección de Disciplina Vial. O equipo abrangue, ademais, un maior abano de accións para o control en materia de tráfico e circulación: as infraccións estáticas de estacionamento (dobre fila, estacionamento indebido en paradas de autobús ou zonas de carga e descarga…) e tamén no referente ao control da situación administrativa do vehículo (seguros obrigatorios, ITV). Este sistema comezará a operar a vindeira semana en aquelas zonas da cidade sobre as que existe unha maior demanda de intervención policial no relativo ao tráfico.

O Concello adquiriu, ademais, un novo cinemómetro láser de despregamento rápido, destinado á Sección de Disciplina Vial da Policía Local, que permitirá a realización de controis selectivos que se iniciarán de maneira inmediata, complementando aos que xa se levan a cabo actualmente, e prestando atención, especialmente, aos controis de velocidade en vías con límite a 30 quilómetros por hora, así como aquelas calzadas que dispoñen de carrís limitados a 30 quilómetros por hora e polos que poden circular usuarios vulnerables (ciclistas ou usuarios de VMP).

O cinemómetro empregarase, principalmente, acoplado a un segundo novo vehículo, recentemente adquirido e adscrito á Sección de Disciplina Vial, aínda que pola súa versatilidade permitirá ser instalado e retirado en calquera outro automóbil.

A Unidade de Tráfico da Policía Local tamén dispón, desde hoxe, dunha nova dotación de etilómetros, con sete equipos que permitirán a renovación dos empregados ata agora, co obxectivo de acadar unha maior axilidade na realización das probas preventivas e un mellor tempo de resposta nos controis e probas de alcoholemia. Seis deles, os Dräger Alcotest 6820, permiten un rápido e áxil mostraxe entre os condutores sometidos a probas de determinación do grao de impregnación alcohólica. O equipo restante, un Dräger Alcotest 7510, é un etilómetro de precisión, útil como medio de acreditación na tramitación de
dilixencias por condución baixo os efectos do alcohol.

Dous novos drons para Tráfico e Medio Ambiente
Unha vez finalizado o proceso de formación correspondente, así como a cumprimento dos requisitos técnico-administrativos necesarios para poder operar con eles, a Policía Local da Coruña disporá de dous novos drons Mavic 2 Enterprise Advanced, destinados á Unidade de Tráfico e á Sección de Medio Ambiente, co obxectivo de que sexan empregados en controis de eventos e dispositivos por un lado e, por outra banda, no seguimento e intervención en materia de control de posibles vertedoiros ilegais e a vixilancia do cumprimento das ordenanzas municipais relacionadas con Medio Ambiente, achegando medios de proba en caso de sancións por comportamentos que contraveñan a normativa vixente