Friday 22 de November de 2024

O Teatro Rosalía acolle mañá o concerto da pianista Chelsea Guo, o primeiro do Ciclo de Música de Cámara da Sociedade Filarmónica da Coruña no 2022


A actuación de Guo, formada na prestixiosa escola de artes estadounidense Juilliard, comezará ás 20.00 horas

Este martes, 18 de xaneiro, o Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas á cidadanía para dar continuidade ao Ciclo de Música de Cámara 2021-22 impulsado pola Sociedade Filarmónica da Coruña.

A programación do primeiro trimestre deste ano comezará coa actuación da pianista e soprano Chelsea Guo, gañadora do primeiro premio do National Chopin Piano Competition no ano 2020. Guo, formada no prestixioso conservatorio de artes Juilliard, en Nova York (Estados Unidos), interpretará unha selección do seu disco ‘Chopin in my voice’, en homenaxe ao virtuoso compositor polaco.

As entradas para asistir ao concerto, que comezará ás 20.00 horas, xa están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense, con un prezo de 20 euros para o público xeral. Os pases tamén poderán adquirirse mañá, o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro, sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para os asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as personas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.