— O proxecto tivo un orzamento de máis de 45.000 euros e foi financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal
— Nos orzamentos da Xunta de 2022 prevese a reserva de 2,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de 50.000 habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado por Eloína Núñez, Xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, visitaron as obras que se realizaron no centro de saúde da Pobra do Caramiñal que permitiron levar a cabo melloras para a posta a punto do edificio naqueles elementos máis deteriorados.
O orzamento executado foi de algo máis de 45.000 euros e foi financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.
O delegado da Xunta destacou que se levou a cabo esta actuación porque o edificio requiría dunha serie de actuacións para o acondicionamento e melloras das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo.
Trenor informou que as obras que se levaron a cabo consistiron na reforma da zona de consultas para organizar de forma óptima a prestación do servizo sanitario, na substitución das ventás e no encinte da fachada. Ademais, pintouse todo o edificio, e levouse a cabo a reforma dos baños da planta baixa e a colocación dos pratos de ducha da planta alta.
O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños da Pobra.
Renovación de infraestruturas de atención primaria
En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira ou Bertamiráns. Asinamos convenio para a construción do novo centro de saúde de Abegondo e xa está licitada a redacción do seu proxecto e temos asinado convenio de colaboración co concello de A Coruña para a construción do novo centro de Saúde de Santa Lucía.
No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Monfero e Cee. Temos asinado o ano pasado convenios para reforma dos centros de titularidade municipal cos concellos de Bergondo e Valdoviño.
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 94 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.
Así, nos orzamentos da Xunta de 2022 prevese a reserva de 2,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade. Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.